Zona retro Capcom Home Arcade,   piques retro no salón da casa

Capcom Home Arcade,   piques retro no salón da casa

Agradábel sorpresa a que esta tarde de martes quixo ofrecer Capcom aos seus seguidores máis acérrimos. E si, xusto este grupo de usuarios, porque o produto que a compañía xaponesa vén de presentar ten pinta de estar destinado a un selecto conxunto de compradores. Trátase de Capcom Home Arcade, un stick de recreativa para dous xogadores que se poderá conectar directamente á televisión e no que se poderá xogar a 16 xogos clásicos do catálogo da marca. Chegará o 25 de outubro deste ano e terá un prezo de saída de 229,99 euros.

A nova máquina xa se pode reservar e contará con táboas de clasificación en liña para ver que puntuacións obteñen o resto de xogadores. A lista de títulos completa é a seguinte:

  • 1944: The Loop Master
  • Alien vs. Predator
  • Armored Warriors
  • Capcom Sports Club
  • Captain Commando
  • Cyberbots Fullmetal Madness
  • Darkstalkers The Night Warriors
  • ECO Fighters
  • Final Fight
  • Ghouls’n Ghosts
  • Gigawing
  • Mega Man The Power Battle
  • Progear
  • Street Fighter II Hyper Fighting
  • Strider
  • Super Puzzle Fighter II Turbo

Segundo informa Capcom, o dobre stick arcade contará con acabados de alta calidade e a emulación dos xogos realizarase a través de FB Alpha. Para iso usaranse os ROMs orixinais das placas Capcom CPS1 e CPS2. Igual que noutras máquinas similares (SNES Mini, por exemplo) a instalación deste aparello será rápida e sen demasiadas complicacións, apenas un cable HDMI e un USB administrando corrente.

Medidas e posición de todos os portos de Capcom Home Arcade.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *