Capcom non descarta DLC en Resident Evil 2

Apenas faltan catro días para a saída dunha das revisións máis esperadas do mundo dos videoxogos. O 25 de xaneiro, este venres, volveremos a Raccoon City para tratar de sobrevivir unha vez máis. Curiosamente, Kazunori Kadoi e Yoshiaki Hirabayashi, director e produtor do título respectivamente, revelaron nunha recente entrevista para SaudiGamer a posibilidade de lanzar contido descargable (DLC) para o xogo.
Ningún dos dous achegou máis detalles sobre como se podería ampliar o universo deste novo Resident Evil 2, pero afirman que estarán comprometidos ao cen polo cen co proxecto até que o estudio decida comezar cun novo.
O novo título de Capcom xa conta con varios pluses grazas ás reservas por anticipado ou ás diferentes versións de compra. Estes limítanse a traxes ou aparencias externas e ao desbloqueo de varias armas. Tamén contén de base un par de modos extra (para Hunk e Tofu), polo que calquera novidade a maiores sería unha sorpresa bastante grande. Diversas opinións sinalan que quizais a expansión teña algo que ver coa posible revisión de Resident Evil 3, un proxecto sen confirmar que foi gañando adeptos a medida que se intuía o éxito deste lanzamento.

Capcom xa confirmou a presenza de Hunk e o modo de xogo The Fourth Survivor.