Actualidade Capcom ofrece novos detalles sobre Nemesis e Carlos en Resident Evil 3

Capcom ofrece novos detalles sobre Nemesis e Carlos en Resident Evil 3

En tres meses, Nemesis chamará á porta, de novo, dos seguidores da franquía de zombis de Capcom. Resident Evil 3 continúa imbuído nun halo de misterio, pero, aos poucos, vanse coñecendo máis detalles sobre a xogabilidade que ofrecerá e as diferenzas respecto da obra orixinal. Capcom revelou algunhas.

O modo Mercenarios será substituído polo multixgador asimétrico Resistance. É un dato confirmado por Peter Fabiano, produtor do título, no último número da Revista Oficial de PlayStation de Reino Unido. Non se pode ter todo. Ademais deste asunto, o executivo tamén explicou que o xogo carecerá de diversos ou distintos finais, polo que as decisións que se tomen ao longo da partida non terán un impacto real no que ocorra no treito final da aventura.

O enemigo que non cesa

Unha das cuestións máis repetidas ao redor desta nova revisión recae sobre a figura do seu gran vilán, Nemesis. A criatura de Umbrella erixirase como un reto real do que fuxir, pois prometen que será «implacábel». Na práctica, Fabiano sinala que o xogador nunca saberá onde ou como pode aparecer este personaxe, polo que terá que estar en alerta permanente. Quizais Capcom queira imitar o xenomorfo de Alien: Isolation?

O seu deseño será espectacular, pois foi recreado no mundo real para poder logo ser escaneado mediante fotogrametría. Polo visto, a compañía sabe que a expectación é alta e non quere defraudar á hora de traer á vida un monstro do que xa dixeron herdará unha Intelixencia Artificial similar á do Mr. X de Resident Evil 2, pero mellorada.

A volta de Carlos

Capcom tamén confirmou que Carlos sufrirá algúns cambios na súa personalidade, é dicir, non será o mesmo soldado que lembramos da obra orixinal. É posíbel que a súa liña argumental sexa ampliada, xa que se confirmou que tamén será xogábel —feito que tamén ocorría no título de 1999—.

Doutra banda, o son será un elemento narrativo de primeira orde á hora de percorrer Raccoon City. A súa utilidade radicará en prever perigos tras as diversas esquinas e canellóns que a cidade posúe. Neste terreo, confirmouse xa que a gasolineira Stagla, as oficinas de Raccoon Press ou o Hospital, serán escenarios a visitar. E si, volverán os vermes mutantes.

Carlos mudará trazos da súa personalidade, amais de contar cun deseño diferente ao da obra orixinal. Será controlábel.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.