Actualidade Caso Telltale: demandas dos antigos empregados e retirada temporal de TWD

Caso Telltale: demandas dos antigos empregados e retirada temporal de TWD

Segundo o acontecido nos últimos días e unha vez sabido que os despidos masivos en Telltale Games afectarían a preto de 250 empregados, toca agora sumar outro controvertido capítulo a esta historia, pois algúns ex empregados demandaron á compañía estadounidense polas duras condicións de traballo no estudio e a falta de indemnizacións xustas tras a ruptura dos seus contratos.

Trataríase dunha demanda colectiva por infrinxir os seus dereitos laborais e violar o Worker Adjustment and Retraining Notification (WARN) ao despedir sen previo aviso ou liquidación económica. Segundo o WARN, os empregados deben saber do seu despido, polo menos, sesenta días antes de facerse realidade.

Se a demanda sae cara adiante, Telltale sería responsable do pago retroactivo e dos beneficios de todos os empregados afectados. Cabe dicir que na demanda figuran 275 despidos.

A compañía emitiu só dous comunicados dende o escándalo. Nun primeiro trataba de explicar que sucedera e indicaba que os despidos afectarían a un 90 % do cadro de persoal, mentres que no segundo pedía calma aos fans dos seus títulos, prometendo buscar unha solución para pechar a historia de Clementine, protagonista de The Walking Dead: The Final Season. Hoxe, o estudio suspendeu temporalmente as vendas / reservas do xogo.

Os capítulos 3 e 4 si manteñen a súa data de lanzamento, o 6 de novembro o primeiro e o 18 de decembro o segundo. Con todo, sería moi improbable velos finalizados ni tan sequera lanzados. Todo os indicios apuntan a que Telltale non sacará máis xogos da franquicia dos zombis. A propia actriz de dobraxe de Clementine, Melissa Hutchison, da o proxecto por tocado a afundido, sen posibilidades de recuperación.

Por non falar do proxecto de Stranger Things, do que tamén Telltale adquirira os dereitos. Netflix asume que o proxecto non sairá adiante e buscarán alternativas para poder facelo realidade. Esta mesma semana, filtrábase unha serie de clips inéditos do seu posible aspecto.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.