Actualidade CD Projekt admite que o atraso de Cyberpunk 2077 propiciará a explotación laboral

CD Projekt admite que o atraso de Cyberpunk 2077 propiciará a explotación laboral

Crunch. Un termo anglosaxón que nos últimos dous anos obtivo especial relevancia. Na nosa lingua, o concepto explotación laboral sería o máis próximo para definir unha situación na que as xornadas laborais alónganse de maneira indefinida, as presións económicas aumentan e as datas bótanse encima. Períodos de enorme carga de traballo, recoñecidos publicamente polos estudios, que están no punto de mira dunha comunidade cada vez máis concienciada, aínda que non sempre coherente. O atraso sufrido por Cyberpunk 2077 volveu a traer á actualidade o termo —deixouna algunha vez?— após recoñecer CD Projekt RED que esta nova data de lanzamento non o evitará.

O asunto foi destapado a través da transcrición dunha sesión de preguntas e respostas cos investidores do proxecto, que tivo lugar hai unhas horas, despois do anuncio oficial por parte da compañía. Na pregunta seis, situada na páxina tres do documento, cuéstionase abertamente a posibilidade de que se realice este tipo de práctica. «Até certo punto, si, para ser honesto. Tratamos de limitar a crise tanto como sexa posíbel, pero é a etapa final. Tentamos ser razoables a este respecto, pero si. Desafortunadamente», explica Adam  Kiciński, executivo do estudo polaco.

Dentro das preguntas realizadas tamén se trata un dos asuntos crave, como é o porqué do atraso a só tres meses da data marcada. Kiciński explica que estiveran esperando a tomar a decisión. pero que tras unha avaliación constante optouse por fixar un novo día para a estrea do ambicioso RPG. Aseguran que ao longo destes meses o xogo será puído até a perfección, sendo xogábel do principio ao final a día de hoxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.