Actualidade CD Projekt cólocase como a segunda compañía de xogos máis grande de Europa en bolsa

CD Projekt cólocase como a segunda compañía de xogos máis grande de Europa en bolsa

Os éxitos de CD Projekt RED foron unha constante ao longo dos últimos anos. A compañía polaca fundada en 1994 logrou ocupar o segundo posto en Europa a nivel bolsista, dentro das empresas de videoxogos, tan só por detrás da todopoderosa Ubisoft, coa súa sede principal en Francia, aínda que hoxe xa está considerada como unha multinacional.

Após anunciaren os últimos resultados de vendas —no que destaca o crecemento astronómico dos xogos de The Witcher, grazas á aparición da serie de Netflix—, os responsábeis da empresa informaron que a taxación das súas accións esta preto dos 7.500 millóns de euros, uns mil millóns máis que a finais do pasado ano. Ubisoft roldaría os 9.000 millóns.

Paga a pena lembrar que o valor dunha empresa non está directamente relacionado coa cifra de negocio ou cos seus ingresos, máis aló do evidente. Isto quere dicir que os datos bolsistas deste tipo poden variar bastante en pouco tempo, como foi o caso de Ubisoft hai uns poucos meses cando anunciou todo un refacho de atrasos. Polo momento, o futuro pinta ben para CD Projekt RED, con Cyberpunk 2077 axexando no horizonte, xerando unha expectación abafadora entre a comunidade.

Doutra banda, a compañía segue buscando e incorporando diferentes perfís por mor deste futuro lanzamento. Quizais queiras darlle unha ollada ás súas ofertas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.