CD Projekt non aclara cantos edificios serán accesíbeis en Cyberpunk 2077

O principal responsable de misións de Cyberpunk 2077, Mateusz Tomaskiewicz, respondeu algunhas cuestións a GamingBolt sobre un das mecánicas que máis curiosidade esperta entre aqueles xogadores que agardan a chegada do xogo de acción e RPG de CD Projekt RED; a saber, a cantidade dos edificios nos que poderemos entrar. Por desgraza, o executivo non deu unha cifra exacta, tampouco aproximada
«A cidade, por suposto, non é unicamente o que vedes nas rúas, tamén inclúe os edificios», comenta Tomaszkiewicz na entrevista. «Hai un gran número deles nos que podedes entrar, aínda que non en todos. Pero hai unha cantidade importante para a que preparamos contido». Dalgún xeito, o traballador do estudio polaco só confirma algo que xa se daba por feito, aínda que fai fincapé que os edificios nos que podamos entrar contarán con diferentes plantas e engadirán un gran espazo á cidade e unha notoria verticalidade. Night City quere ser unha cidade de verdade, e para iso é preciso engadir este tipo de sensación densa e de mirar cara arriba.
A día de hoxe, Cyberpunk 2077 colócase na maioría de medios como o título máis buscado e consultado pola comunidade. Cada día que pasa é un día menos para a súa chegada. En abril de 2020, poderemos gozalo ao fin. A finais de agosto, o novo gameplay que os xornalistas acreditados puideron gozar no E3 farase público.

Segundo os seus creadores, Night City funcionará, dalgunha maneira, como un elemento coa súa propia personalidade dentro do xogo.