CD Projekt pide desculpas polo lanzamento de Cyberpunk 2077 e ofrece solucións
Malia que os números falan de éxito —máis de 8 millóns de reservas, récord de xogadores simultáneos en Steam nun título, rendibilidade do proxecto nun día…—, Cyberpunk 2077 non poderá fuxir da realista percepción de fracaso que destila o seu lanzamento. O xogo chegou, si, pero a enorme cantidade de problemas que trae fixo que se convertera nun fenómeno viral en redes sociais e foros. Hai bugs, hai problemas de rendemento e, por encima de todas as cousas, están as ridículas versións de Xbox One e PlayStation 4.
Os responsábeis do título tardaron tres días en recoñecer o erro e pedir desculpas á comunidade. Fixérono a través do seu xa mítico comunicado amarelo. Non andan con lerias. A compañía ofrece a posibilidade de devolver o título na súa versión dixital e recuperar os cartos da compra. É unha das opcións que pon sobre a mesa para tratar de xerar confianza entre os seguidores. Outra opción, que así se deixa ver no comunicado, é esperar. Esperar que? As actualizacións que irán chegando nas vindeiras semanas. «Arranxaremos os bugs e problemas, e melloraremos a experiencia xeral», sinalan. «A primeira rolda de actualizacións xa están dispoñibles e a seguinte chegará nos próximos 7 días».
CD Projekt RED recoñece que non lle prestaron toda a atención debida ás versións de PS4 e Xbox One. Sexa como for, tamén chegarán dúas grandes actualizacións no futuro próximo. O Parche #1 chegará en xaneiro e o Parche #2 farao en febreiro. Segundo o estudio, con isto deberían quedar solucionar os problemas máis graves que están a experimentar as consolas da pasada xeración. Iso si, avisan que é imposíbel agardar que esas consolas e as súas versións acaben movendo o título como un PC de gama alta ou unha máquina de nova xeración.
— Cyberpunk 2077 (@CyberpunkGame) December 14, 2020
Si, os xogadores de PC tamén poden recuperar o seu diñeiro. As versións de Steam ou GOG quizais teñan menos fallos, pero non están libres de se ver envoltas nun lanzamento tortuoso e, en xeral, verde. De novo, a compañía explica que se irán lanzando parches e actualizacións continuas para liquidar todos os erros. Xa se lanzaron dous desde o xoves.
Todo aquel que o teña en formato dixital deberá utilizar ao sistema de devolucións de PSN e Xbox. «Para a versión en físico, por favor, tentádeo primeiro nas tendas onde comprastes o xogo. Se non é posible, contactade con [email protected] e faremos o posible para axudar». A data límite para estes procesos está fixada o 21 de decembro.
Aínda que o comunicado tente extinguir ou apagar un pouco as lapas do incendio provocado por Cyberpunk 2077, a comunidade de xogadores non se fía. A obra de CD Projekt RED notou nas súas carnes o efecto dos review bombing en Metacritic e Opencritic, acabando con notas que nin rozan o aprobado na súa versión de consolas, ou que nin chegan ao 7 en PC. Ademais, a compañía sufriu unha visible caída en bolsa, pasando dos 390 Zł otys por acción o mércores aos 271 este luns.