Actualidade CD Projekt recoñece prácticas de crunch e di non querer repetilas con Cyberpunk 2077

CD Projekt recoñece prácticas de crunch e di non querer repetilas con Cyberpunk 2077

Non foron nesta ocasión os traballadores dunha compañía os que clamaron contra esta por prácticas de explotación laboral (aínda que xa estaban no aire os comentarios); CD Projekt RED recoñeceu realizar crunch cos seus empregados en producións pasadas, por iso vén de prometer evitalas para o seu próximo título, o ansiado Cyberpunk 2077.

O comunicado realizado polos creadores da saga de The Witcher chega nun momento delicado para a industria do videoxogo, despois de ver a luz diversos escándalos deste tipo en moitas e variadas compañías ao longo de todo o mundo. Marcin Iwiński, un dos fundadores do estudio polaco, deixou a disposición pública unha serie de declaracións.

«Coñécesenos (permítanme ser humilde durante un momento) por tratar aos xogadores con respecto. Traballamos duro durante todo este tempo con ese obxectivo en mente. E gustaríame que se nos coñecese tamén por tratar aos traballadores con respecto», sinala Iwiński. «Estivemos comunicando á xente que aínda que evidentemente hai determinados momentos nos que fai falta traballar máis duro (a demo do E3 é un bo exemplo diso), queremos ser máis humanos e tratar á xente con dignidade. Se precisades tomarvos un tempo libre, podedes facelo. Ninguén se vai amolar por este tipo de peticións».

Cyberpunk 2077 aínda non ten data de lanzamento, nin sequera aproximada.

Estas palabras chocan como un tren coas do xornalista Jason Schreier, que despois da publicación de varios artigos en Kotaku sobre estas prácticas en empresas como BioWare ou Epic, afirma recibir correos electrónicos de empregados de CD Projekt de maneira anónima, denunciando situacións similares ás descritas nos seus traballos xornalísticos. Algúns destas mensaxes chegan a dicir que se poderían trazar «centos de paralelismos entre a historia detrás de Anthem», agora coñecida por todo o mundo como unha auténtica desfeita, «e a historia detrás do desenvolvemento de Cyberpunk 2077»

A maioría das compañías de videoxogos, e aí tamén peca a polaca, é falar destas prácticas como unha parte indispensable do proceso en certos momentos: as semanas antes dun lanzamento importante, o amosadomostrado na feira de Los Ángeles… O propio director de CD Projekt, Adam Badowski, explicou que «dende unha perspectiva ampla, é necesario lembrar que o proceso de produción completo leva, digamos, catro anos, ás veces cinco; e a maior parte do tempo, durante se cadra tres anos, non existe crunch», pero que determinados períodos requiren un esforzo extra por parte de todos os elementos humanos que compoñen e traballan nun produto.

O artigo de Schreier, lembra aos lectores que o estudo responsable de The Witcher 3 fai traballar aos seus empregados durante festividades locais e mesmo lles impide gozar das vacacións no verán ou Nadal, sendo o departamento de recursos humanos o que decide cando poden gozar dos seus períodos de descanso (hai que dicir que a maioría das empresas das nosas terras teñen unha política máis que similar nese apartado). Con todo, a mensaxe de Iwiński quixo apostar pola conciliación, recoñecendo erros, confirmado feitos e expoñéndose á opinión pública, deixando por escrito que e partir de agora os seus empregados poderán tomarse un descanso se así o consideran necesario.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.