Actualidade CD Projekt RED promete mellores condicións para empregados e detalla os seus plans de futuro

CD Projekt RED promete mellores condicións para empregados e detalla os seus plans de futuro

Após lanzar o parche 1.2 de Cyberpunk 2077 con máis de 500 notas en correccións e melloras dentro do xogo, CD Projekt RED tamén quixo detallar os seus plans a medio prazo. A través dun vídeo e de varias publicacións na súa web, a compañía comentou co público diferentes asuntos que van desde a compra de Digital Scapes Studios, ofrecer mellores condicións laborais e ampliar as sagas de videoxogos existentes.

«Durante tres anos traballamos en estreita colaboración e confiamos plenamente neles. Digital Scapes traballou moito durante a creación de Cyberpunk 2077, axudando co desenvolvemento do xogo e optimizando as súas diversas funcións», explica Pawel Zawodny, director de produción e director de tecnoloxía. Cunha ducia de persoas nas súas oficinas, o estudio de Vancouver unirase aos xa existentes en Varsovia, Cracovia e Wroclaw, en Polonia, coa idea de realizar un traballo conxunto e achegarlles a súa experiencia aos vindeiros proxectos da empresa.

Doutra banda, a compañía polaca explica ao longo da case media hora que dura o seu último vídeo algúns dos aspectos internos que modificarán. Entre os detalles ofrecidos podemos atopar un cambio na forma na que desenvolve videoxogos, perante a idea de, a partir de 2022, traballar en múltiples AAA e expansións ao mesmo tempo.

Ademais, CD Projekt sinala o seu firme propósito de cambiar o xeito no que o estudio se comunica co mundo e como promove os seus xogos. O resultado pasará por campañas de márketing moito máis breves, con contido promocional lanzado máis preto do lanzamento real do título. Tamén será publicada unha nova folla con información e plans cada ano, comentando os plans da compañía.

No referente á expansión das súas franquías, a idea é continuar dando vida a de The Witcher Cyberpunk 2077, polo que chegarán novas áreas, medios e tipos de contido, segundo Michał Nowakowski, vicepresidente senior. Tamén se anunciou que o parche de nova xeración de The Witcher 3: Wild Hunt chegará durante a segunda metade deste 2021.

Por último, o estudio comprometeuse a mellorar a contorna laboral dos seus traballadores, logo das miles de críticas recibidas ao longo dos últimos anos. «Durante anos subliñamos a nosa convicción de que o noso maior activo é o noso equipo. CD Projekt seguirá sendo un lugar de traballo inclusivo e diverso; porén, tamén queremos salientar o benestar físico e mental dos nosos empregados e brindarlles oportunidades de desenvolvemento profesional e persoal», di Adam  Badowski. Tampouco descartan contratacións nos próximos meses, na procura dunha expansión gradual e controlada.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.