CD Projekt resolve os problemas co escritor das novelas de The Witcher
Era un feito público que CD Projekt RED e AndrzejSapkowski, escritor da saga de Geralt de Rivia, mantiñan unha seria disputa na que o autor orixinal viña reclamando unha compensación económica á compañía polaca após o éxito dos tres xogos de The Witcher. A liorta acabou, e semella que as dúas partes conseguiron chegar a un acordo.
A empresa publicou un comunicado no que sinala que a relación entre o escritor e o estudio fortaleceuse. Como interpretar isto pode ser algo complexo, pero parece que a compañía tería mesmo novos privilexios para garantir o uso sobre a IP en novelas gráficas, xogos de mesa e outros elementos promocionais, amais de, por suposto, videoxogos.
O novo acordo establece un marco de cooperación futura no que, como é lóxico, non se detalla a repartición de retribucións nin beneficios. Paga a pena lembrar que Sapkowski chegou a reclamar unha cantidade próxima aos 14 millóns de euros a CD Projekt RED no pasado.
Esta mesma semana, Netflix estreaba unha serie sobre o bruxo. Polo momento, recibiu críticas positivas que encomian as posibilidades que ofrece o formato e a boa adaptación que se realizou dos relatos do escritor polaco. Este produto audiovisual non garda relación coa narración descrita nos videoxogos.