CD Projekt retomará a franquía The Witcher na súa vindeira obra

Semella que CD Projekt RED non quere nin máis dúbidas, nin máis problemas, nin ningún risco na súa futura obra. Así é, a compañía que logrou fama mundial continuando as historias de Geralt de Rivia quere facer uso dese legado. Logo do complicado e problemático lanzamento de Cyberpunk 2077, non é ningún segredo que a empresa polaca precisa un bo empurrón de confianza para recuperar ese prestixioso do que chegou a gozar logo de The Witcher 3: Wild Hunt e as súas expansións.
Sexa como for, a cousa está clara: o próximo xogo de CD Projekt será unha aventura que retomará o universo ideado por Andrzej Sapkowski. E si, xa está en desenvolvemento, tal e como anunciaron este luns, 21 de marzo. Por suposto, a compañía non deu moitos máis detalles, alén de que suporá un salto de potencia visual máis que notable, ao tomar como base o motor Unreal Engine 5. Din que con Epic Games terán unha asociación «estratéxica de varios anos».
Porén, hai que dicir ben en alto a palabra paciencia, pois sería moi difícil ter novas deste título pronto, xa non falar dun lanzamento que de seguro non acontecerá nin no 2023 nin no 2024, se pensamos e tomamos como referencia calquera produción AAA de hoxe en día.