
Chega Kingdom Hearts: Melody Of Memory, o novo xogo musical da franquía
Máis dun ano despois dun dos lanzamentos máis postergados no tempo, a franquía de Kingdom Hearts continúa lanzando novos títulos. Nesta ocasión, Square Enix vén de anunciar a chegada de Kingdom Hearts: Melody Of Memory, un título que repasará as aventuras de Sora, Donald e Goofy polos mundos de Disney. Porén, a novidade radica en que se trata dun xogo musical, no que as mecánicas están baseadas no ritmo e pulsar correctamente os botóns que aparezan en pantalla.
Con Kingdom Hearts: Dark Road no horizonte, a saga parece que non dixo a súa última palabra na industria dos videoxogos. Tanto é así, que Kingdom Hearts: Melody of Memory contará con novas escenas cinemáticas relacionadas coa terceira entrega dirixida por Tetsuya Nomura. O título chegará a PS4, Xbox One e por primeira vez a Nintendo Switch nalgún momento do 2020.