Chegan os Pokémon Escuros e o Team Rocket a GO
Día de enorme actividade para os fieis xogadores de Pokémon GO. Este 16 de xullo o título recibirá unha das maiores actualizacións dos últimos meses, e afectará directamente á experiencia dos usuarios.
Niantic quere darlle frescura ao seu millonario título e tomou nota das propostas e opinións dos usuarios. Agora, consultar os IVs de cada Pokémon será máis sinxelo e claro. Ademais, chegará unha nova interface ao PvP, así como a aparición do Team GO Rocket e dos novos Pokémon Escuros. Moitas novidades, vaia.
Datos máis rápidos
A partir deste intre xa non teremos que facer uso dunha aplicación externa para saber os IVs dos Pokémon, polo que sabermos os valores de ataque, defensa e estamina das criaturas é máis doado que nunca. Esta nova interface divídese en tres valores e estes á súa vez en tres sectores —de 0 a 5, de 5 a 10 e de 11 a 15—. Dependendo da extensión de cada barra pescudaremos o número exacto de cada característica.
Trátase dun sistema moi rápido e efectivo e ofrece diversos detalles como a data e o lugar da captura, ademais dunha valoración de estrelas.
Lavado de cara ao PvP
Niantic quixo mellorar as animacións durante os combates, así como o HUD superior, que agora informará en todo momento do número de escudos e Pokémon dispoñibles do adestrador rival, ademais dun espazo adicado aos CP de ambas as criaturas durante o duelo.
Tamén se incluíu unha especie de minixogo nos ataques cargados, os cales pedirán a realización de certo debuxo para seren executados.
O Team Rocket despega…
Si, o famoso grupo malvado do universo Pokémon fará a súa aparición en Pokémon GO. E non o fan sós, tamén chegarán os Pokémon Escuros. Os dous novos elementos estarán relacionados.
A aterraxe destes dous grupos propiciará a aparición de novos desafíos. Un deles será o de purificar a estes Pokémon deixados polo Team Rocket. Non está claro como se realizará este tipo de acción, aínda que a listaxe de Pokémon Escuros confirmados é a seguinte: Rattata, Raticate, Zubat, Golbat, Bulbasaur, Ivysaur, Venusaur, Charmander, Charmeleon, Charizard, Squirtle, Wartortle, Blastoise, Dratini, Dragonair, Dragonite, Snorlax, Crobat, Mudkip, Marshtomp e Swampert.