Actualidade Chegará Overwatch a Nintendo Switch? Kotaku confírmao

Chegará Overwatch a Nintendo Switch? Kotaku confírmao

Sabedes que en Morcego a política de rumores é clara: se non hai fonte oficial, aínda non existe. Porén, hai excepcións, sobre todo se temos en conta os dous elementos que entran na ecuación deste mércores: Blizzard, compañía á que lle custa gardar baixo chave os seus segredos; e Kotaku, medio internacional no que Jason Schreier configúrase como dos investigadores máis fiables da industria. Cal é a súa última exclusiva? A confirmación de que Overwatch, o hero-shooter por excelencia, aterrará na máquina híbrida de Nintendo este mesmo ano.

Segundo o xornalista, o anuncio farase oficial esta noite, durante o Nintendo Direct que está programado para as 00.00 horas do xoves, no noso horario. Schereier explica que dúas fontes distintas confirmarían esta filtración, o que daría luz verde a aquela imaxe colgada por accidente en Amazon, hai un par de semanas, que detallaba unha caixa de Switch para Overwatch. Outubro sería a data do seu lanzamento, entre o 15 e o 18 para Occidente.

Overwatch chegou a todas as tendas do mundo en maio do 2016 para PS4, PC e Xbox One, para logo continuar recibindo actualizacións de xeito regular, con novos personaxes e eventos.

Sigma foi o último personaxe en incorporarse ao título de Blizzard.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.