Actualidade Chegou a hora de pagar para xogar en liña na Switch

Chegou a hora de pagar para xogar en liña na Switch

Non máis partidas en liña de balde. Nintendo xa o viña anunciando hai meses e chegou o día no que tocará pasar por caixa. A compañía da Gran N fixou o 18 de setembro como o día da chegada do servizo de pago. Nintendo Switch Online verá a luz oficialmente.

Polo amosado durante o último Direct de Nintendo, a empresa xaponesa incluirá algúns extras que buscarán animar ao usuario a pagar por este servizo (poder xogar con amigos ou descoñecidos de maneira virtual) que ata agora fora de balde. Inclúense ofertas exclusivas na eShop, facer copias de seguridade das partidas na nube, unha aplicación móbil para compras, chat de voz… Tamén se terá acceso a unha libraría con 20 títulos clásicos de NES, entre os que figura Mario, Ghosts n Goblins ou Donkey Kong.

Canto custará Nintendo Switch Online trala proba inicial de 7 días? Aquí os prezos:

  • 1 mes (30 días): 3.99€
  • 3 meses (90 días): 7.99€
  • 12 meses: 19.99€
  • Subscrición familiar de 12 meses (válida para ata 8 contas de Nintendo): 34.99€

A polémica das partidas gardadas

Pese a que todo o mundo coñecía as intencións de Nintendo, o maior desgusto dos usuarios chegou ao recoñecer a compañía que as partidas gardadas na nube non estarán a salvo de ser borradas unha vez finalice a subscrición a Nintendo Switch Online. Isto quere dicir que unha vez comecemos un xogo dentro do servizo en liña, e fagamos uso deste, verémonos na obriga de mantelo no tempo para non perder todos os progresos acadados, e que, se un mes deixamos de pagar, e volvemos a usar o servizo nun futuro, tampouco é seguro que consigamos recuperar eses datos.

En palabras da propia Nintengo UK, “os datos gravados mediante o servizo de gardado da nube non poden manterse fóra do período de subscrición de Nintendo Switch Online”. Por suposto, as partidas que xoguemos dentro desa lista de xogos de NES perderanse irremediablemente coa finalización do servizo ou, simplemente, a interrupción deste. Os datos locais, evidentemente, non se verán afectados.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de carne
    • En: 20 de Setembro de 2018

    Pareceme moi feo o de non gardar as partidas cando termina a suscripción. Se por calqueira cousa non podes renovar a suscripción no momento, estás fodido….
    Aunque podería ser peor, creo que na Wii U tiñan un sistema polo que ó comprar un xogo dixital non quedaba enlazado á tua conta, senón á consola. Polo que se a consola rompía, sayonara baby.

    O de pagar por un servizo online… Supoño que estas cousas terán uns gastos (servidores e tal), ainda que tamén os teñen en PC e poucos son os xogos que seguen tirando de suscripción.