Reportaxes Chicory :: Un conto cheo de cores

Chicory :: Un conto cheo de cores

Pinta e colorea

Quizais non o saibades, pero un dos meus xogos favoritos chámase Wandersong. É un xogo alegre e colorido, cheo de música e positividade. Malia que toca algúns temas escuros, como a dificultade de atopar o noso lugar no mundo ou o síndrome do impostor, ao final trátase dun título que fala tamén de esperanza, de amizade e de coidados. Está feito con moito, moito agarimo. Pero non estamos aquí para falar dese xogo.

Non, porque estamos aquí para falar do próximo título de Greg Lobanov, o creador de Wandersong e deste novo proxecto chamado Chicory: A Colorful Tale. Despois de facer un xogo onde o son e as cancións eran as pezas principais, esta vez o desenvolvedor tiña en mente outra mecánica central que quería explorar: pintar. Así pois, rapidamente xuntou un equipo pequeno pero repleto de talento para acompañalo na súa nova aventura. Temos a Lena Raine —Celeste, Guild Wars 2— e a Em Halberstadt —Night in the Woods, Wandersong, Untitled Goose Game— ao mando da música e do son, e a Madeline Berger e Alexis Dean-Jones participando por primeira vez nun videoxogo como encargados do apartado artístico nos escenarios e nos personaxes.

Así me gusta: promovendo a reciclaxe.

Após anunciar oficialmente o novo título e acadar un éxito rotundo na súa campaña de financiamento —o mínimo de cartos necesarios para desenvolver Chicory: A Colorful Tale foi acadado en menos de 24 horas—, os responsábeis compartiron unha demo exclusiva con toda a xente que aportou o seu diñeiro para facer realidade o proxecto. Grazas a ese adianto podo presentarvos estas primeiras impresións do xogo.

A lenda do Pincel Máxico

Imaxinade un país fantástico habitado por animais antropomórficos. Unha terra onde todas as cores xorden dun obxecto milagroso: o Pincel Máxico, herdado de xeración en xeración polos meirandes mestres pintores, encargados de resaltar a beleza da creación. Todo vai ben até que a coelliña Chicory, actual Posuidora do Pincel, desaparece de súpeto. Será a nosa personaxe, a cadeliña Pizza —aínda que lle poderemos cambiar o nome e poñerlle o da nosa comida preferida— quen atope o Pincel e teña que se facer cargo de volver pintar un mundo que tornou misteriosamente en branco e negro.

Eu cando teño que escribir un artigo.

Esta toma de contacto co novo xogo de Lobanov e compañía é unha excelente mostra do que podemos agardar da obra final. Introdúcenos a historia, o mundo, algunhas personaxes, e fai de titorial dos controis e das primeiras opcións que temos para manexar o Pincel: cambiar de cores, agrandar o reducir o seu tamaño, ou achegar unha superficie a modo de zoom para debuxar con maior precisión. Tamén descubriremos algunhas formas creativas de utilizar a nosa ferramenta máxica para resolver quebracabezas ou abrirnos paso polo terreo.

A duración da experiencia é variable. Pódese completar a demo en media hora, se vas directamente a avanzar na historia, por así dicilo. Pero tamén podes adicar facilmente o dobre de tempo ou máis se te entretés coloreando as paisaxes, se te paras a esgotar todas as opcións de diálogo, a facer tarefas secundarias ou a investigar polos recunchos para atopar algún dos abundantes obxectos para coleccionar que teremos ao noso alcance.

Boas impresións

Malia que evidentemente o título aínda está en desenvolvemento, os controis xa están bastante puídos e resultan cómodos de utilizar tanto mediante teclado e rato como con mando, aínda que desta segundo xeito fíxoseme un pouquiño máis natural o manexo do Pincel. Teño que destacar, amais disto, o bo traballo no apartado gráfico, pois aínda que o estilo é sinxelo fai gala dunha grande expresividade.

Facendo un pouquiño de publicidade.

En definitiva, o inicio da miña viaxe ao carón de Pizza —que no meu caso é chamado Arroz, proposta do meu cativo— foi sumamente agradábel, e acompañado en todo momento por unha música deliciosa. Cómpre dicir tamén que este primeiro capítulo remata cunha sorpresa que non imos desvelar, e nun momento perfecto para deixar con moita gana de ver como continúa a aventura.

Persoalmente, non podo agardar, e preciso ver pronto que máis nos vai ofrecer este título. Tampouco podo deixar de recomendarvos que teñades un ollo posto en Chicory, xa sexa engadindo a obra á vosa lista de desexados en Steam ou mediante subscrición á listaxe de correo do equipo creativo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *