China limita as horas que a mocidade pode xogar en liña

China limita as horas que a mocidade pode xogar en liña

O xigante asiático decidiu aumentar o seu control sobre a industria do videoxogo, desta vez, poñendo baixo lupa as horas que os usuarios menores de 18 anos pasan diante da pantalla. Segundo a información publicada polo diario South China Morning Post, as novas medidas deseñadas pola Administración xeral de prensa e publicacións fixan horarios e límites ás horas que a mocidade do país poden xogar en  liña. O seu obxectivo? Previr a adicción.

Así, os xogadores chineses só poderán xogar noventa minutos ao día, horario que se ampliará en vacacións até as tres horas. Ademais, deberán xogar entre as 8 e as 22 horas. Nin antes nin despois. Doutra banda, as compras dentro dos mercados dixitais tamén se verán reguladas, e só se permitirá un gasto máximo mensual duns 50 euros. Os menores de oito anos terán prohibida calquera compra.

Na práctica, China carece dun sistema oficial de cualificación por idades, polo que é presumíbel que sigan o modelo proposto e adoptado por Tencent, que divide os usuarios en grupos  de 6+, 12+, 16+ ou 18+. É o sistema máis popular no país asiático e serve de guía aos consumidores. Paga a pena lembrar que nesta rexión os xogadores deben rexistrarse co seu nome real nos videoxogos de PC desde o ano 2007. Hai apenas un ano, Tencent mellorou o sistema após traballar coa mesma policía para verificar a idade do usuario.

Malia que poida sorprender, esta nova serie de medidas correspóndense co camiño trazado nos últimos tempos polo goberno local, que mantén un férreo control sobre as obras que chegan ao país, vetando, por exemplo, calquera título que conteña sangue, xogos de azar ou analice a súa historia imperial.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados