Reportaxes Ciudadano Game :: Galicia convertida nunha pantalla de videoxogo

Ciudadano Game :: Galicia convertida nunha pantalla de videoxogo

A imaxinación e o dominio de certas ferramentas permiten ver máis aló desa realidade que os ollos achegan. Nos últimos meses, Galicia non quixo perder o tren dese entretemento artístico que une a realidade local con outros mundos diferentes ao noso, pero co que conforman unha unión máis que rechamante e poderosa. Foi o caso, por exemplo, de Galdia, esa rexión Pokémon que toma a nosa terra como referencia e en Instagram fai medrar a súa Pokédex con excelente recepción. Agora, o proxecto artístico Ciudadano Game propón unha conexión diferente, pero xenial, na que recupera obras do pasado dixital, píxeles máis que lendarios, para situalos nas rúas da Coruña, os bosques de Oleiros ou a catedral de Ourense.

«O nome provén da película Ciudadano Kane que sempre se loubou pola súa innovación na fotografía e noutras facetas. Eu non son Orson Welles nin moito menos pero gustábame a relación existentes», explica a mente pensante detras da conta de Twitter que aos poucos vai nutrindo de contidos os seus chíos. O proxecto comezou en Instagram, pero explica que non era a rede social que máis se adaptaba á súa maneira de entender o proxecto que ten entre mans, xa que «non permite ver as imaxes se un non ten conta nesa rede. Eu quería achegar as miñas creacións a todo o mundo, teña ou non redes sociais, así Twitter resulta mais directo e non tan exclusivista».

Desde Ciudadano Game fálase de Realixel, un termo que mestura os conceptos de realidade e pixel, onde colle os elementos de cada un e o deseño fai o resto. Sobre como se xestiona esa nova visión dun autobús, ou da herba alta dunha leira, explíca que «ás veces é a propia realidade do sitio o que me suxire un xogo determinado. Por exemplo, as columnas do Pazo da Ópera da Coruña sempre me lembraban ás columnas do Black Tiger, onde o heroe saltaba dunha a outra esquivando bolas de lume disparado por demos, morcegos…».

Noutras ocasións, explica que é o píxel do videoxogo o elemento que o leva a outro lugar. Out Run, o mítico xogo de condución, lembráballe enormemente a esa entrada da Coruña, a avenida Alfonso Molina, polo que primeiro veu o xogo e logo a fotografía. É preciso destacar que todas as imaxes son tamén da súa autoría, igual que as capturas das obras dixitais; é dicir, non copia os sprites de gameplays alleos, polo que recrea desde cero o deseño final que ten en mente.

Chegará un día en que grazas á tecnoloxía vexamos estas imaxes namentres camiñamos polas nosas cidades? Como diferenciar un xogo dunha realidade? A esas preguntas, Ciudadano Game responde que, dalgún xeito, ese día xa chegou. «Lembro dous momentos concretos: o primeiro xa fai anos, cando xoguei por primeira vez cunha Xbox 360 ao Resident Evil 4, non distinguía que parte dos escenarios eran transitables e cales eran mero fondo ou decorado. O detalle gráfico desorientoume totalmente. E iso que eu levaba décadas xogando!», e engade que o segundo intre foi cando puido probar o Marvel’s Iron Man VR, resultando «nunha auténtica experiencia inmersiva. Case real. Penso que no futuro moita xente preferirá vivir no virtual para escapar da triste realidade, como acontece no libro Ready Player One de Ernest Cline».

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.