Colectivo Arume :: Xogos pequenos con moito amor
A comunidade galega de videoxogos segue a medrar. Sexa en Twitch, YouTube ou, no caso que ocupa estas liñas, creando aventuras de seu para logo ser recorridas por quen queira. Colectivo Arume é esa fusión de talento entre Pedro Bouza e Eduardo Ramos, un «colectivo de creadoras horizontal, no que a toma de decisións se realice por consenso e todas podamos cooperar en cada unas das partes do proceso creativo», seguindo as súas palabras. Que proceso creativo? O de dar a luz «videoxogos cutres pero con moito amor». O primeiro deles xa está dispoñíbel: chámase Grelo.
A agrupación, presentada de xeito dixital hai apenas uns días, obtivo unha recepción máis que positiva nas redes sociales —contan xa con case 200 seguidores en Twitter e o chío de Grelo foi difundido de xeito xeneroso—. Tanto Bouza como Ramos son estudantes galegos. O primeiro, de 22 anos y natural da Coruña, é estudante de filosofía na USC, tamén un apaixonado das artes gráficas; Ramos, de Pontevedra, estudou enxeñería informática na mesma universidade e agora está inmerso nun máster a distancia na UOC de deseño e desenvolvemento de videoxogos. Tamén crea música baixo o pseudónimo de Umbra.
Sorprendidos coa cálida resposta da comunidade, xa están a traballar nos seguintes pasos a dar, nesa continuidade que o colectivo promete, e na que non queren que quede limitada de maneira absoluta na creación de videoxogos. «Este é un proxecto que acaba de comezar e estamos realmente sorprendidos coa resposta que recibimos por parte dás xogadoras e desenvolvedoras galegas. Estamos abertos tanto a colaborar con outras artistas como a incorporar a máis persoas nas nosas filas, sempre que exista unha visión común e se manteña a camaradaría. No futuro gustaríanos explorar outras disciplinas, así que toda aportación é benvida».
Grelo, o seu primeiro traballo feito público, configúrase como un endless runner de mecánica sinxela pero moi viciosa: unha liña recta infinita na que ir saltando os obstáculos que atopamos, á vez que recollemos galletas con forma de óso para alimentar o seu protagonista, ese can que volve á vida o día de Samaín e corre na procura da súa familia. «Decidimos facer algo relacionado coa festividade. Gústannos moito os animais e decidimos xuntar eses dous mundos para facer un canciño que se ergue da tumba por Samaín para ir buscar á súa familia. Cremos que a paleta de cores e o pixel-art danlle un aspecto retro que vai acorde co que queremos transmitir coa obra», explica o colectivo a Morcego.
Feito con Unity, o xogo foi creado nun día, o mesmo da festividade. Cumpriron esa idea de deseñar un xogo curto, sinxelo e que puidesen rematar no día, non deixalo a medias. As restricións de mobilidade propiciaron ese tempo que necesitaban para facelo. Dispoñíbel a través do navegador, están a preparar o seu lanzamento na Play Store, e sinalan a súa idea de engadir máis contido e unha mellor optimización para o sistema Android.
«Temos moitas ideas e moitas ganas de empezar co desenvolvemento do seguinte xogo. A folla de ruta é continuar sacando títulos en galego. Agora mesmo estamos interesados en xogos pequenos que podamos sacar de forma mensual, pero atrevémonos con todo. Queremos explorar todas as posibilidades que nos ofrecen os mundos ludoficcionais e, quizáis, outras disciplinas artísticas», finalizan.