Zona retro Con un son chega e sobra

Con un son chega e sobra

Están no subconsciente agardando saír. Pode que non des con eles no momento pero sabes ben que xa os ouviches noutro lado. Porque algunhas veces, un son basta para enchernos de lembranzas e transportarnos ata ese xogo ao que lle demos horas e horas. Non falamos da súa banda sonora, falamos dos seus efectos de son.

Hoxe, imos repasar algúns dos máis coñecidos ou queridos, o adxectivo poñédelo vós.

Metal Gear Solid – A correr!

A primeira vez que o ouviches seguro que saltaches do asento, para logo comezar esa música de persecución implacable e ti tratando de correr cara algún refuxio. Hai moitos sons que poderían ser míticos nesta saga: os cambios de arma ou obxectos, o timbre do CODEC (tivéchelo no teléfono móbil?)… Calquera vale para falar de Snake e de Metal Gear Solid, que este 2018 cumple 20 anos da súa estrea en PSX. Como pasa o tempo.

Super Mario Bros – O salto máis famoso da historia

Que dicir? Ou que outro ouvir? Todo o relacionado co son que rodea esta entrega de Mario é lenda pura. Destruír un bloque, comer unha seta, amarrar unha moeda… Logo chegaron outros na SNES e a palestra de sons foi aumentando, pero o seu salto é pura maxia.

O Comecocos (ou Pac-Man) – Devorar pixel tras pixel

Por suposto referímonos non a musiquiña do principio, senón ao uaca-uaca perpetuo durante a partida. Se metes o dedo na orella e frotas un pouco contra o burato podes emulalo dunha maneira estrañamente parecida. Proba e verás (ou ouvirás).

Asassin’s Creed – Un salto de moitísima fe

Non se pode tirar só da nostalxia do pasado máis lonxano… Aínda que a saga dos asasinos xa ten máis dunha década ás súas costas. Lenda para as novas xeracións, os títulos de Ubisoft acadaron unha fama tremenda, e un dos seus momentos estrela non era outro que lanzarse dende a cima dunha torre ou unha atalaia para caer sobre un carro de palla sans e salvos. Non o probedes na casa.

Pokemon Azul e Vermello – “Graciñas, os teus pokemon están en plena forma!”

“Titi tiriri” E xa podiamos voltar aos camiños, á herba alta e aos ximnasios. É curioso comprobar como Pokemon xa forma parte da cultura popular sen ningún tipo de dúbidas. Moitas cousas cambiaron dende os seus inicios en Game Boy, aló polos 90, pero aínda hoxe, non hai nada, demostraron a súa capacidade de pór o mundo ao revés con Pokemon Go!

GTA V – Ou para o hospital, ou para o cárcere

É probable que penses: “e non é máis mítica a cancionciña que soaba no San Andreas e o Respeto +?” Pois si, sen dúbida. Agora ben, falamos de sons e vémonos na obriga de fuxir de certas melodías (ao mellor outro día imos por elas). Por iso tampouco estarán nesta lista os característicos combates de Final Fantasy, tanto os seus comezo como os seus finais. O “wasted” de GTA V tamén ten dereito a estar hoxe aquí. Os memes que pululan pola rede grazas a el sempre alegran o día.

Play Station – Arranca, por favor, arranca…

Os momentos de tensión previos á lectura dun xogo (sobre todo se era pirata) poden ser os máis tensos do mundo segundo a situación. Dado o volume de ventas da PSX no seu día, eleximos o seu, aínda que para os nostálxicos tamén temos os da PS2, Nintendo 64, Game Cube e unha chea deles máis.

Age of Empires 2 – Wololo!

Se o dis ben alto na rúa, nun bar, nunha clase e alguén responde… Sabes que é dos teus. Este son emitido polos monxes do xogo de estratexia é un clásico entre os clásicos. Tendo en conta que a súa función era transformar unidades inimigas en aliadas, algunhas teorías din que o wololo! Podería ser “volo lo”. A primeira palabra tería o significado de “querer”, mentres que “lo” é unha forma vulgar de “illo”, que é “el” ou “iso”. Sentido ten, aínda que o coñecemento do latín do que escribe provén de Google.

Mortal Kombat – Deixao! Xa está morto…

Non chegaba con derrotar ao rival, había que esnaquizalo. Os fatalitys de Mortal Kombat teñen o seu propio oco dentro dos títulos de loita. O locutor foi cambiando ao longo dos anos, pero vén a dicir o mesmo. Se queres pode engadir tamén aquí ao rapaz que presentaba os Resident Evil cando premías o Start.

Dark Souls – E volta empezar

Moitos atoparon na saga Dark Souls un verdadeiro reto nun momento no que a industria do videoxogo parecía querer evitar que os xogadores sufrira calquera tipo de frustración e os autogardados invadírono todo, así como, en xeral, a dificultade dos xogos era un factor a rebaixar máis que a apostar por el. Había algo máis horrible que morrer por unha maldita trampa posta por Miyazaki? Difícil, pero esta mensaxe na pantalla e o seu son correspondinte son xa cho lembraban.

Por suposto, quedan moitos no tinteiro. Non podemos esquecer a Sonic, ou a recarga dalgunhas armas coma no Doom, ou o golpe de balón dalgún FIFA, ou a motoserra mítica do Resident Evil 4 pero… Imos deixar aquí estes dez polo momento, pero sempre podes comentarnos aquí ou polas redes sociais (FB e Twitter) cales son os teus sons imprescindibles.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
    • Pastel de carne
    • En: 20 de Setembro de 2018

    Fáltanme algúns na lista, coma o worms (¡ya te pillaré yo!), o ruido das armas do counter-strike o comezar unha nova partida, ou, ainda que non sexa santo da miña devoción, a voz en off do LoL.

    Pero é unha gran lista! Bos exemplos do importante que é o audio á hora de ter un xogo redondo.

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *