Crash Bandicoot 4 amosa as súas novidades nun extenso tráiler

Crash Bandicoot 4 amosa as súas novidades nun extenso tráiler

A través dun extenso tráiler gameplay, Toys for Bob, responsábeis do novo Crash Bandicoot, quixeron amosar a acción desta cuarta entrega. Sen dúbida, o estudio quere recuperar as sensacións da triloxía orixinal, mais engadindo novas mecánicas e escenarios á ecuación que no seu día elevou o marsupial máis famoso da historia ao Olimpo dos plataformas.

Usando o último State of Play como escaparate, Crash Bandicoot 4: It’ s about time ensinou algunhas destas novas características, incluíndo secuencias de acción nas costas de diversas monturas, trampas por aquí e por alá, e plataformas móbiles polas que saltar medindo cada milímetro. A cousa non acaba aí, xa que tamén puidemos ver as variadas opcións de personalización a través de múltiples filtros de imaxe.

Un exemplo destes filtros configúrase a través do modo investido, onde os xogadores veranse as caras cunha curiosa forma do modo espello. «Non só cambia a perspectiva. Ao xogarmos unha dimensión no modo investido, pode pasar calquera cousa: desde ter que salpicalo todo con pintura para poder ver o camiño até seguirlle o ritmo a unha película antiga que modifica a velocidade do xogo para adaptala ás imaxes en pantalla», reza a descrición oficial.

Cun multixogador local para até catro xogadores, o xogo ten prevista a súa estrea para Xbox One e PS4 ao longo do próximo mes de outubro.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados