Crash Team Racing Nitro-Fueled embraga a un mes da súa saída

Crash Team Racing Nitro-Fueled embraga a un mes da súa saída

O tempo voou desde que soubemos da súa existencia alá en The Game Awards. Crash Team Racing é un título que moitos lembramos con agradábel nostalxia, sobre todo aqueles xogadores que se viron na obriga de substituír a figura de Mario sobre un kart pola dun marsupial, ao ser donos dunha PlayStation. O 21 de xuño aterrará a súa revisión en Xbox, PlayStation 4 e Nintendo Switch.

Crash Team Racing Nitro-Fueled foi, aos poucos, ensinando os dentes e as rodas. Dúas décadas pasaron desde o xogo orixinal, e Beenox, o estudio responsable da nova adaptación, sabe que non pode deixar ningún ápice da memoria sen cubrir. Todo o que estaba no vello título volverá, e mellorado. Carreiras de trofeos, xefes finais, copas de xemas… Iso si, as recompensas serán diferentes ás pasadas. Agora as vitorias outorgarannos elementos para mellorar e modificar o noso vehículo, así como cosméticos e aspectos para os personaxes.

Outro dos cambios terá que ver con como se desbloquean a estes xefes. Agora abondará con vencelos nun duelo man a man e non tendo que facelo despois da copa de xemas correspondente. Simplifícase un pouco o proceso, vaia.

No seu último adianto, Beenox debuxou e perfilou o modo Aventura, do que gozaremos dúas vertentes: Clásico, o modo historia habitual, sen maiores problemas; e Nitro-Fueled, que nos obrigará a correr co mesmo kart e piloto durante toda a duración da aventura.

Tan só falta un mes para gozar dunha revisión que fixo de rogar, pero que finalmente está aquí. Por suposto, os seus creadores lembran que terá modo multixogador, tanto local como en liña. A competitividade está servida.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados