Creative Assembly abre as portas dun novo estudio

A industria do videoxogo, a pesar da crise sanitaria, conseguiu medrar no último ano. Proba diso é a decisión de Creative Assembly de anunciar a apertura dun novo estudio. As futuras oficinas terán a súa sede en Horsham, aínda que os seus empregados continuarán a traballar desde os seus fogares como medida inicial fronte á pandemia.
Gareth Edmonson, director de estudios de Creative Assembly, explica que «no futuro transformaremos o noso modelo de traballo para engadir a flexibilidade como norma, mais precisamos a contorna correcta para logralo». «Aínda que queremos amplificar os beneficios do traballo remoto, tamén sabemos que non hai substituto virtual para a colaboración creativa en persoa, así que redeseñaremos o noso ritmo de traballo, así como o noso ambiente, para centrarnos na creatividade e a innovación cando esteamos na oficina», sinala.
Segundo os últimos datos achegados pola compañía, esta creceu un 20 % ao longo do 2020, o que a levou a ser a desenvolvedora máis grande Reino Unido, con máis de oitocentos empregados contratados de xeito directo. Fundada en 1987, a empresa é coñecida polo seu traballo na franquía Total War ou o exitoso Alien Isolation. No ano 2005 foi comprada por SEGA e agora atópase traballando nun shooter en primeira persoa.