Crimson Desert, o MMO de gráficos hiperrealistas dos Game Awards
Pearl Abyss, os creadores de Black Desert, querían sorprender nos Game Awards e conseguírono. O seu novo MMORPG, Crimson Desert, deixouse ver na gala durante un bo anaco. Cun lanzamento previsto para finais do ano que vén, non poucos quedaron cos ollos abertos ao veren a súa proposta de gráficos altamente realistas, xa sexa para PC ou para consolas.
Crimson Desert non presentou un tráiler perfecto por mor do seu ritmo desigual e as súas estrañas baixadas de frames… pero sen dúbida produciu o efecto que quería: xerar expectación. O título de Pearl Abyss amosou un mundo inmenso e diverso, con paraxes belas que piden ser visitadas, mesmo con dragóns cos que navegar polos ceos.
Malia que terá unha clara faceta multixogador, o estudio xa avisa que quere fomentar un enorme e fondo arco narrativo para un xogador. A historia levaranos até Pywel, unha terra arrasada pola guerra, lugar no que habitan criaturas e culturas moi diferentes. Macduff, protagonista principal da historia e líder dunha banda de mercenarios, será a áncora principal para a narración.
O traballo de Pearl Abyss está avalado polo seu brutal éxito con Black Desert, xogo que xerou máis de 2.000 millóns de dólares en ingresos, convertido nunha das galiñas de ouro dentro do xénero. Prometen máis información nos próximos meses.