Reportajes Crónica :: Cazarías confinadas, unha iniciación en Monster Hunter

Crónica :: Cazarías confinadas, unha iniciación en Monster Hunter

Non hai dúbida posible para pensar que andamos a vivir unha época complicada que marcará un antes e un despois na nosa sociedade. Por sorte moitos de nós puidemos levar de mellor xeito esta corentena axudándonos de series, películas e videoxogos, todo grazas á Internet. A min, persoalmente, o que máis me axudou foi mergullarme nas miñas bibliotecas dixitais e rematar algún dos títulos que tiña pendentes desde hai ben tempo.

Hoxe, veño a contarvos a historia de como foi entrar por vez primeira no mundo de Monster Hunter, onde esas cacerías foron quen de mudar o aburrimento en diversión. Había xa meses que a miña parella máis eu lle tíñamos gana ao Monster Hunter Generations Ultimate para Switch, pero nunca atopamos unha oferta que nos chamara moito a atención para nos lanzar a mercar as dúas copias. Porén, a mesma fin de semana que se declarou o estado de alarma estabamos dando unha ollada na eShop cando achamos unha gran oferta.

A miña parella xa tiña xogado a outros títulos da franquicia de Capcom, pero para min era todo unha gran novidade. Só sabía que era un xogo donde había que ter grandes reflexos e había que seguir ás presas a través de fermosas paisaxes. Daquela… como foi ter que empezar casi de cero?

En primeiro lugar recibín o consello de que me acostumase a esquivar, pois as pocións de saúde debían ser usadas con certa cabeciña e non ao chou. Tamén era importante elixir un tipo de arma xa que o estilo de xogo dependía moito desa decisión. Para rematar, o que considero unha das pautas máis importantes deste xogo: non ataques sen descanso. Tenta pegar un ou dous golpes e bota para atrás.

Con esas tres ideas na cabeza, creei a miña personaxe e, á hora de elixir un estilo de combate, escollín o aéreo porque me prestou a idea de poder subir sobre as bestas. Creo que en función do estilo inicial que escollas dache unha arma ou outra: a mín deume espada corta con escudo e á miña parella déronlle unha espada.

Teño que dicir que as primeiras misións foron moi tranquilas e serviron como unha suave toma de contacto coas mecánicas de movemento e obtención: recolecta sete herbas para a miña sopa, colle tres bichos para unha apócema… O habitual de calqueira RPG que así se defina. Confésoo, con este inicio tan relaxado e típico tiven as miñas dúbidas. Así era o xogo do que tanta xente falaba marabillas? Ese do que dicían que podía chegar a ser un pozo de horas xigantesco? Nesas primeiras horas fíxoseme un pouco monótono e repetitivo, facéndome repensar sobre se era o ideal xogar algo tan monótono para saír da mesma monotonía da corentena. Gastados os cartos xa estaban, así que decidín continuar a aventura coa cella en alto.

Foi entón cando chegou a cazaría seria: abatir o Gran Maccao. Si, é a primeira e si, é moi fácil, pero, a diferenza das misión anteriores, isto era distinto, tanto que parecía un xogo distinto: aprender a marcar o bicho para non perdelo no mapa, saber cando afiar as armas, cando colocar as trampas, cando adormecelo e ata qué partes se lle podían romper.

Moitas novidades de golpe, disolvendo a monotonía das herbiñas e os insectos. Emporiso, aínda houbo algo que me chamou máis a atención e foi o feito de que decidimos facer a armadura de Gran Maccao para non ir co set por defecto.

Para conseguila tivemos que repetir a misión e así obter todas as unllas, escamas e demais partes. Foi, nese intre exacto, cando entendín por que á xente lle encanta esta saga: malia que a criatura sexa a mesma, ningunha cazaría é coma outra. O proceso a seguir é igual para cada gran presa, a preparación previa non cambia salvo que se me esqueza o de comer antes de saír do campamento. Nalgunhas o monstro é máis agresivo, noutras o monstro tenta fuxir polo mapa e, aínda que cada especie ten uns ataques moi fixados, non sempre os fai na mesma orde.

Respecto dos diferentes tipos de armadura, quero afondar un pouquiño no tema. Como en calquera outro RPG, non hai que buscar o set segundo o bonito que sexa, pois hai que botar ollo ás estadísticas da armadura para ver se nos beneficia ou non. En Monster Hunter, cada peza de armadura —a saber: cabeza, corpo, brazos, cinto e pernas— ten unhas estadísticas de resistencia elemental que se corresponden cas do bicho en cuestión. Ditos elementos son veneno, xeo, raio, parálise, lume, auga, explosivo, dragón, fatiga e sono.

Por exemplo, o set de Gypceros daba resistencia ao raio porque ese monstro tiña ataques elementais de raio pero, pola contra, é débil ao lume polo mesmo motivo. Recordo que para ir a cazar o Blangonga tivemos que facernos primeiro o set de Lagombi para poder ter unha armadura que fose eficaz contra o xeo.

Ademais, levar o set enteiro da tamén beneficios extra como máis vida, inmunidade ao veleno e similares, pero tamén pode ter desvantaxes coma a armadura de Tetsucabra, que fai ao portador resistente aos tremores do chan pero provoca que o efecto do estado alterado adormecer dure o dobre de tempo. Por sorte contamos cun método para contrarrestar isto: o xogo dispón duns adornos que se poden engastar nas pezas de armadura para reducir esas penalizacións. O estado de Fame — reduce e a resistencia máxima— só se alcanza cando chega a un valor de -10, pero se se engasta un adorno para deixalo a -8, elimínase ese estado.

Eis un exemplo de eses +10 e -10

Cas armas sucede o mesmo: se se constrúe un arma a partir de pezas dunha presa velenosa, as armas tamén saen con dito efecto elemental e, como é lóxico, se pretendes cazar un animal que é de xeo debes empregar armas que sexan de lume para conseguir ferilo antes. Tamén contan cunha estadística chamada afinidade que indica a porcentaxe de golpe crítico.

Falando de lume e xeo veume á cabeza comentar que hai distintos mapas con distintos climas como xunglas, vales, zonas montañosas, tundras e desertos. En principio a ubicación da nosa cazaría non inflúe moito salvo nos dous últimos casos, xa que debemos levar bebidas frías ao deserto para que as altas temperaturas non esgote a barra de vida, e bebidas quentes ás xeadas tundras para que o frío non faga que a nosa resistencia se esgote no peor momento posible.

A sensación de facer unha tarefa repetitiva como unha misión de cazaría e que, ao final, cada unha é un mundo, foi o que máis me gustou do xogo. Era unha mestura de monotonía con novidade na que os longos días de confinamento e ciber-clases facíanse moito máis amenos ao chegarmos a tarde e coller a Nintendo Switch.

Ca equipación de Gran Maccao feita descubrín cal sería a miña arma favorita: as espadas dobres, cas que podía dar un ataque xiratorio nun salto para despois atacar de novo na caída. Ademais, malia que probei a gran espada, non me acabou de gustar que fora tan lenta e tivera que calcular mellor cando dar o golpe. Iso non pasa coas espadas dobres, pois son máis rápidas e casan mellor co meu estilo de xogar, aínda que as espadas longas —ou como a mín me gusta chamalas, katanas— tamén me prestan bastante.

Tivemos máis cazarías nos distintos mapas e, aínda que algúns monstros son similares entre sí, se ben me fascinaron todos os deseños, os que máis me prestaron foron o Tetsucabra, o Malfestio, o Buldrome e o Lagombi. Aquí volos deixo para que lles botedes unha ollada:

Como é lóxico, hai monstros que supoñen un maior reto que outros e, nalgunhas ocasións, debemos enfrontar varios ao mesmo tempo, pero nada de todo isto se me fixo tan duro como cando loitamos contra a Raíña da Terra, a agresiva e temible Rathian. Polo momento, de todo o que levo xogado, ela foi o desafío máis complicado ao que me tiven que medir. A Rathian ataca cunha gran velocidade e debemos ter coidado, pois case pode matarnos dun só golpe se nos engancha coas súas afiadas poutas, pero non tardei en reclamarlle a miña vinganza, axudada da miña parella como todas as cazarías que fomos facendo xuntos.

Coidado con ela.

Non parei a falar do tema dos gatos axudantes, pero porque todavía non entendín moi ben cómo funciona o de entrenalos, só sei que recollen obxectos, teñen habilidades que serven para aumentar a defensa ou curarnos e tamén poden axudar para nos quitar un estado alterado como a conxelación ou a parálise.

Aínda quedan moitas cazarías e moitas armaduras que fabricar, pois deixamos as nosas armas descansar mentres nos adicábamos a pagar hipotecas no Animal Crossing, pero de cando en vez cae unha partida rapidiña no Monster Hunter. Sei que o consello chega algo tarde porque xa está rematado o confinamento, aínda que avisa con medio volver en certos lugares, pero gustaríame dicirvos a todos que, se as vosas carteiras o permiten, lle deades unha oportunidade aos xogos en liña, sobre todo a aqueles que teñen cooperativo local.

Eu teño que admitir que, se tivese que xogar eu soa a Monster Hunter probablemente non lle botaría nin a cuarta parte das horas que lle botei en compañía, xa que todos os erros eran menos graves e case sempre acababan en gargalladas, facendo que non poder saír á rúa ou quedar cos amigos fose menos duro. Moito ánimo a todos, que xa queda menos, e moitas grazas por adicar uns minutos a ler esta experiencia. Unha aperta e ata pronto!