Reportaxes Crónica :: Volvendo a Stardew Valley polo Nadal

Crónica :: Volvendo a Stardew Valley polo Nadal

Hai un mes saíu a noticia sobre a nova actualización de Stardew Valley, como xa se contou no seu momento na web. Pero cales foron as maiores novidades? Eric Barone, ConcernedApe, sempre detalla con moito agarimo os engadidos que vai facendo no seu xogo, pero non me vou limitar a enumerar cada un dos cambios nunha lista. Isto había que probalo. Aquí viñemos xogar e por iso nestas vacacións de Nadal descarguei o Stardew Valley e comecei unha partida nova.

Sei que hai xente á que este xogo lle produce un pouco de estrés, polo tema de estar pendente de cando plantar as patacas para que non podrezan, mimar ás galiñas, ir comprar máis semente, ir á mina, conseguir o preciso para os lotes do centro cívico. Ah!, e xusto cando te deitas a durmir dáste de conta de que era o cumpreanos do teu crush e esqueciches darlle o agasallo que levabas gardando tres semanas.

Porén, para min ir o val é un exercicio de relaxación e desconexión, que tamén presta acompañado de amigos. Sábeno todos os meus; eu non teño unha partida para me adicar a cultivar a miña leira, eu xogo para pescar. Na última partida que xoguei acompañada a min déronme unha cana e non me vían o pelo até a noite, cando era hora de ir durmir. Por que vos conto isto? Pois porque cando fixen esta nova granxa en Nadal fixeime que había un novo tipo de granxa a escoller, a granxa “4 esquinas” tamén coñecida como “non me toques os marcos, planta no teu”.

Non e pescar unha arte case mística?

Este non é o único cambio que houbo no aspecto multixogador pois agora cada casetiña ten caixa postal, amais de poder construír cada un o seu soto e poder facer máis queixos curados e viños de calidade alta.

Un último detalle engadido ao cooperativo é a opción dun chat privado entre xogadores sen ter que usar o servicio de “chat de amigo” de Steam —plataforma na que xogo—, xunto con un sistema de comandos de chat como noutros xogos xa coñecidos, permitindo facer ping, expulsar xogadores e chegar a prohibirlles volver entrar nesa granxa. Para impedir as perdas de conexión ou os lagazos mudouse lixeiramente o modo de sincronización entre invitados e anfitrión, para que fenómenos como os tronos e raios, os trens e a sorte diaria sexa a mesma.

Nesta granxa con amigos tamén puidemos comprobar que, xunto co mapa das 4 esquinas, existe a opción de ter cada xogador os seus propios cartos para fomentar esa idea de independencia e “pique” cas amistades, coma fixemos nós. Déixovos a idea por se queredes probar: A ver quen dos catro capaz de chegar ao ano cinco con máis cartos.

Tamén me chamou a atención o gran engadido de novas roupas para dar aínda máis opcións de personalización para o noso granxeiro ou granxeira, cousa que nunca vén mal. Polo menos para min, que me encanta tunear ao máximo os meus personaxes antes de xogar e poñerlles todos as cores posíbeis. Qué pasa se o look non che acaba de gustar? Pois que agora podes empregar a la das ovellas para facer ropa de teu.

Seguindo con outro aspecto do xogo tócalle ás minas. Eu sempre evito ir salvo que sexa necesario recoller materiais, e aínda así písoas o menos posible porque fánseme moi repetitivas. ConcernedApe tivo en conta a opinión da comunidade e ampliou o contido das minas: novas armas, novos deseños de nivel e novas recompensas no gremio de cazadores. Iso conseguiu que nesta nova partida pasase un pouco polas minas e non se me fixese tan semellante todo.

Con respecto ao aspecto social do xogo compre dicir que hai novos eventos de corazón con algúns veciños e un novo evento ca túa parella unha vez casados, aos 14 corazóns. Nun eido máis realista, tamén se engadiu que agora se casas de novo tras un divorcio, o teu ex non acude á voda e actúa distinto nos festivais da aldea. Perdóame, Álex, pero prefiro a Abigail.

Sabedes tamén esa mascota que temos case desde o principio? Pois agora non só se limita a escoller entre can e gato, tamén podemos elixir o seu aspecto. Se non o facemos ao crearmos personaxe sempre o podemos facer se somos amigos do mago e vamos o seu soto, pero aí non podemos escoller entre can ou gato, só cambiar a pelaxe.

As estruturas tamén se viron afectadas pola actualización ao engadir algunhas novas no pobo coma o cine —desbloqueábel ao completarmos o centro cívico— e outras funcionais na granxa como o banco de traballo, co que podes construír cousas cos materiais das arcas que se atopen preto e as pozas de peixes para poder criar neles. Pódense comprar na carpintaría de Robin e ademais permiten que recollamos o gallo dos peixes. Si, amigos, agora podemos vender caviar. O malo é que se necesita unha poza por cada tipo de peixe, así que sigo preferindo irme de pesca á praia. Iso, si, cunha poza de esturións producindo caviar na casiña.

Un dos aspectos que case non aproveitei do xogo foi o Deserto Calico. Alí pouco se podía pescar, a mina era bastante máis repetitiva que na aldea e o casino non tiña moito atractivo unha vez conseguías as recompensas. Xunto con isto, non se podía aproveitar ben a mañá no deserto porque había que agardar até que Pam chegase á parada de autobús e o viaxe tiña que saír rendíbel ou tirabas os cartos do billete.

Pero, igual que na mina, achei un motivo para poder volver alí. Lembrades os tótems que se podían fabricar para ir á montaña, á granxa ou á praia? Pois engadiuse a receita do tótem do deserto por valor de dez barras de iridio á mercader do deserto, a nova NPC que comercia con nós alí.

Esquecín algo importante. Stardew Valley trata de crear a túa granxa cos teus animaliños e as túas plantiñas. Pois agora temos novos cultivos como os arbustos de té, pero na miña opinión a maior mellora foi nos animais. A quen lle pasou querer ir acariciar as galiñas, que se che cruce un coello, e non a poder acariciar? Pois acabouse. Agora o cursor do rato cambia ao poñerse encima dun animal sen tocalo e o sistema de “selección” de obxetivo sufriu cambios para que non sexa unha odisea acariciar ás pobres vaquiñas.

E para muxir? Si, isto arranxouse nun parche anterior cunha máquina que se podía poñer nas cortes e recollía automaticamente o leite e a la. Pero o recolector non funcionaba se se poñía nun galiñeiro. Agora funciona e xa non hai que entrar e recoller todos os ovos coas mans.

Se vos gustaba cociñar e queriades cociñar todos os pratos para sacar o logro de Master Chef, seguro que logo quedabades con pouco espazo no frigorífico. Isto corrixiuse engadindo na carpintaría de Robin unha expansión para chegar a ter até 36 ocos, como a nosa mochila.

Falando da casa, se non estás casado podes chegar a ter a Krobus, o bichiño do sumidoiro, vivindo como compañeiro de piso na habitación que sería do teu marido ou muller.

En resumo, aínda que non xogo decote a Stardew Valley, gústame volver de cando en vez ao meu mundiño de pesca, granxas de millo e maionesas de parrulo. Cada unha das actualizacións non fan máis que darme máis e máis ganas de botarlle horas, pero non por completalo e xa, senón por ir gozando dos contidos aos poucos, saboreando a satisfacción de ir conseguindo desbloquear as cousas co esforzo das colleitas ben planeadas.

Pero, sen dúbida, o que máis me fai volver á horta é o feito de que se nota que o que fai ConcernedApe faino con moito, moitísimo cariño. É a súa creación e nótase no agarimo que pon creando novidades e escoitando á súa comunidade. Grazas, Eric Barone por facer un xogo así, estou desexando ver —e xogar— qué máis ideas tes pola cabeza, tanto para Stardew Valley como para futuros proxectos. Moitas grazas por ler ata aquí, lémonos pronto!

Stardew Valley é moito máis que sementar e colleitar.