Actualidade CrossCode chegará en xullo a PS4, Nintendo Switch e Xbox One

CrossCode chegará en xullo a PS4, Nintendo Switch e Xbox One

Dous anos despois da súa chegada a PC, aqueles que non puideron gozar de CrossCode teñen unha nova oportunidade grazas ao seu lanzamento en Nintendo Switch, PS4 e Xbox One o vindeiro 9 de xullo. Cun prezo de 19,99 euros no seu formato dixital, ININ Games tamén publicará unha versión física para as consolas de Sony e Nintendo, aínda que non está confirmado se estará dispoñíbel o mesmo día que o seu irmán dixital.

Sexa como for, o que é seguro é o que teremos acceso en consolas a un título Action-RPG. Estilo retro en 2D, cunha estética que lembra os mellores tempos da SNES, mais recollendo as físicas fluídas que permiten as tecnoloxías actuais. Combates sen descanso, quebracabezas con mecánicas interesantes e unha historia de ciencia ficción que está á altura.

Como bo título do seu xénero, CrossCode ten unha duración entre 30 e 80 horas por partida, variando segundo a cantidade de misións secundarias que realicemos. Radical Fish Games quixo asegurar que teñamos entretemento durante moito tempo, tendo en conta que o universo no que se ambienta a obra conta con sete zonas distintas, máis de 120 inimigos diferentes, 30 combates contra xefes, 90 estilos de combate e 100 misións coas que xogar durante horas.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.