Actualidade Crysis Remastered chegará o 23 de xullo e xa está filtrado o seu tráiler

Crysis Remastered chegará o 23 de xullo e xa está filtrado o seu tráiler

Nos últimos anos quedou demostrado que cada vez é máis difícil gardar baixo chave un segredo no mundo dos videoxogos. Este é o caso de Crysis Remastered, cuxo primeiro tráiler gameplay está programado para o 1 de xullo, pero non puido evitar a filtración de nova información.

A revisión do xogo do 2007 recibiu unha actualización na súa ficha da Microsoft Store, con novas imaxes e o adianto en vídeo que preparaba Crytek. Nel podemos comprobar algunhas das modificacións realizadas como unha actualización para as texturas, técnicas actuais de antialiasing, unha mellora na profundidade de campo, evolución no sistema de iluminación, motion blur e melloras nos efectos de partículas.

Sen modo multixogador e sen a súa expansión Warhead, Crysis Remastered si que fará uso dunha das tecnoloxías máis reclamadas polos usuarios na actualidade: o ray-tracing. Saber Interactive é o estudio encargado de que esta remasterización chegue finalmente o 23 de xullo a PC, Xbox One, PS4 e Nintendo Switch.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.