Cultura de balde :: Podemos xogar sen pagar un peso?
Teño 150 xogos na biblioteca da Epic Games Store. Estou convencido de que merquei, polo menos, cinco desas obras; o resto foron saíndo das ofertas semanais tan famosas que a tenda dos donos de Fortnite foi realizando ao longo dos dous últimos anos. Un xogo de balde cada sete días, ás veces dous; tamén unha semana ou quince días cun título novo cada 24 horas… O asunto é que adquirín máis de cen videoxogos sen gastar un can. Non está mal.
Malia que a política de exclusividades e atracción de usuarios que realizou a plataforma pode ser criticada polo seu evidente fondo de agresividade total fronte á competencia, tamén posúe un contrapunto cultural e social importante. O acceso a videoxogos non está garantido por ningunha entidade pública en España. Aínda que haxa organizacións dedicadas á súa conservación e divulgación, a posibilidade de poder gozar dun título concreto de forma gratuíta é case nula. A Biblioteca Nacional de España, por exemplo, si posúe un arquivo físico de videoxogos, aínda que non foi ata principios deste 2020 cando decidiu dar un paso adiante e afondar na idea de adquirir e coidar a inxente cantidade de títulos autóctonos que van vendo a luz.
Doutra banda, alén de gardaren estas obras, asoaciacións como EVI (Asociación Española de Videojuegos), AUIC (Asociación de Usuarios de Informática Clásica) e DEV (Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos y Software de Entretenimiento) tamén ofreceron colaboración á BNE para a posible adquisición de equipamento que permita a reprodución de videoxogos actuais ou pasados. Poder xogalos, vaia. Emporiso, non quedou especificado ningún plan real a medio ou longo prazo de como terán os usuarios da Biblioteca acceso ao catálogo para o seu goce.
Sexa como for, si existen algunhas bibliotecas públicas, de ámbito máis local ou universitario, que ofrecen algunha que outra obra. Os seus catálogos adoitan ser pequenos e non dispoñen dos sistemas para reprodución. Simplemente lle prestan o exemplar en cuestión unha serie de días ao usuario e leste devólveo unha vez vence o prazo. É un comezo.
A realidade, polo tanto, é que o acceso a videoxogos é unha acción bastante restrinxida. É certo que o concepto videoxogo é colosal, e máis se pensamos na inxente cantidade de páxinas web que durante anos aloxaron títulos a prezo cero; igual que agora ocorre nos teléfonos móbiles, cunha infinidade de produtos dixitais listos para ser gozados. Deixando un pouco de lado a maioría destas obras, que adoitan pecar dun carácter pouco ambicioso no seu contido artístico ou cultural, cunha marcada tendencia cara aos micropagos ou están cargadas de publicidade; o certo é que se un non dispón dun colchón económico, adquirir xogos é todo un un exercicio de economía caseira.
Por iso, saber que unha plataforma ofrece un título de calidade —e de moita calidade, tamén— cada semana, sen ter que abrir a billeteira, ben podería ser un alivio para calquera. Podemos xogar a todos? Chegamos a facelo? Non chegamos. Eu non. Recoñézoo. Existe un vicio absurdo que é ese no que adquirimos videoxogos case polo si ou polo non, porque podemos, aínda que logo queden enterrados nas bibliotecas dixitais, agardando o seu momento se é que algún día chega. O debate e a reflexión hoxe non é ese, pero é un tema realmente interesante. Se sentides curiosidade, Deborah L. Rivas xa falou desta tendencia á acumulación nun dos seus artigos. E falou ben.
Opcións: máis das que cabería esperar
O certo é que si podemos xogar sen pagar. Non quita isto que debamos realizar un investimento inicial nalgún sistema ou plataforma, mais logo, ao longo dos últimos tempos, as opcións foron aparecendo no horizonte. Por suposto, se un quere gozar das obras máis actuais debe decir adeus a facelo gratis, aínda que ben é certo que a actualidade está vestida un pouco de urxencia, e esta última, de présas inxustificadas. Nesta casa defendemos contra vento e marea a idea de non correr por ningunha estrea.
Por suposto, e por sinalar xa o elefante na habitación, Xbox Game Pass alzouse como unha das mellores opcións á hora de gozar de obras clásicas e novas sen acabar arruinado no camiño. O servizo de Microsoft é é unha marabilla que non ten case rival á hora de ofrecer prestacións, aínda que… non é gratis. É certo que cada pouco tempo son lanzadas ofertas máis que suculentas, como tres meses de proba por un euro, o que podería ser considerado un auténtico agasallo vendo o catálogo que ofrece. É unha opción para valorar, sen dúbida. O seu crecemento no último ano está máis que comprobado, e a marca Xbox pasou de maneira íntima e inequívoca a depender desta plataforma para todo. Non o oculta. Todo xogo exclusivo da marca tamén estará no servizo.
Así, aínda que servizos como o Xbox Game Pass son de pago, e temos en conta que cada vez hai máis plataformas con intentos similares de captación de usuarios, é posible estar non poucos meses pululando por estes catálogos dixitais a prezo moi reducido ou nulo. Non é un mal plan, desde logo.
Porén, tal e como se apuntaba ao comezo, Epic Games Store preséntase como a opción máis clara e recorrente á hora de pensar en adquirir obras e facelo de gorra. A tenda foi sumando usuarios a un ritmo alarmante grazas a iso. Ningún segredo á vista. Ao longo dos últimos dous anos posibilitou a creación de bibliotecas máis que envexables por parte dos seus seguidores. Regalaron auténticas xoias como Death Coming, The Escapists 2, Sid Meier’s Civilization VI, Shadow Tactics, Abzû ou Celeste. Si, existe unha marcada tendencia de títulos independentes, pero os donos de Fortnite tamén souberon ‘romper Internet’ con ofertas tan lendarias como Grand Theft Auto V —a páxina colapsou durante varias horas debido á avalancha de peticións—, ou do nivel de The Stanley Parable, This War of Mine, Watchdogs 2, World War Z ou Into the Breach.
Saen caros estes xogos? Realmente, a estas alturas da vida, todos sabemos que si algo é gratis é porque estamos a pagar con algo que non necesariamente é diñeiro. Ser usuario de Epic Games conleva pagar unha peaxe en forma de datos e coñecemento persoal. O 40 % da empresa pertence a Tencent, a cada vez máis famosa compañía chinesa que continúa o seu avance por terras occidentais, adquirindo estudios e dereitos a golpe de talonario. Asinar con Epic é asinar con Tencent, algo co que non todo o mundo está cómodo. Aínda que pasaron xa meses, aínda escoitamos os ecos da polémica xurdida ao redor da aplicación e o seu comportamento como software de espionaxe para o Goberno Chinés, por mor das relación que as empresas do xigante asiático manteñen coa súa Administración. Sobre aquelas acusacións, Epic só declarou que hai un seguimento de datos, pero unicamente para monitorar funcións útiles, como importar as listaxes de amigos de Steam ao seu cliente, ou para rastrexar a audiencia de medios de transmisión para o seu programa Support-A-Creator.
Doutra banda, as ofertas de fin de semana convertéronse nunha constante. Na súa maioría, disfrázanse de demostracións ou probas gratuítas que os estudios lanzan ao mercado para que os usuarios cheguen até ás súas obras. No caso dos títulos multixogador de pago, estas sucédense cada poucas semanas. A franquía Call of Duty ou Battlefield son exemplos perfectos diso. O mesmo sucede con xogos tipo The Division. A idea é tan simple como enganchar e enredar. Sexa como for, as probas están aí e namentres duren un pode sacarlles todo o partido posíbel. Algunhas están limitadas mediante unha duración interna —na que só podes gozar dun número determinado de horas— ou de índole temporal máis típica —entre X e E días, todas as horas que poidas ou queiras—.
É ben sabido que servizos como PS Store tamén ofrece a posibilidade de xogar certas obras durante un tempo, sen incrementar o custo do servizo como tal. É un detalle, mais require a adquisición do servizo en liña como tal, polo que máis que un agasallo, é un simple elemento máis da oferta que a compañía realiza.
Convén non esquecer a inabarcable cifra de videoxogos dispoñibles a través do navegador. O acceso a títulos como Spelunky co único requisito de usar un PC e un navegador determinado é máis que unha realidade. O mesmo ocorre cun enorme número de obras clásicas como Pac-Man, Tetris, Snow Bros. ou outras historias de corte máis independente, como o xogo de Deconstructeam, Gods Will be Watching.
Un achegamento cultural valioso
Sería difícil negar o valioso que resulta para calquera usuario ter ao alcance da súa man unha boa cantidade de títulos de balde. Os videoxogos son cultura, polo que os videoxogos gratuítos tradúcense como unha fonte cultural de custo cero que axuda o xogador a medrar como ser humano. Por suposto, hai obras e obras, e non todas buscan ese alarde de intelectualidade, pois tal e como índica a propia etimoloxía de videoxogo, é difícil disociar a idea de diversión pura, característica intrínseca á maioría de produtos desta clase.
Nese sentido, a posibilidade de poder xogar de xeito gratuíto podería ser considerada un labor democrático máis que positiva, de enorme valor social. Así, é imposíbel non ver o carácter especulador que realiza Epic coas súas ofertas, mais polo camiño permite o acceso a xenialidades como Limbo, Inside ou Ape Out. É difícil non acudir á súa chamada e non aumentar as nosas bibliotecas persoais con eles. Aínda que só sexa polo si ou polo non.
Ao longo dos últimos meses, algunhas escolas ao redor do mundo chegaron a incluír xogos dentro da programación oficial do curso, como é o caso de This War of Mine en Polonia, polo que se converte nun contido ofrecido ao alumnado como un libro máis do departamento en cuestión, outorgándolle un valor social e cultural do mesmo nivel que unha obra de teatro ou unha película, situación que aínda adoita ser algo estraña para moitos, provocada por prexuízos cada vez menos repetidos.
Sería interesante comprobar como nalgúns establecementos tamén volveron a aparecer as máquinas recreativas grazas á súa adaptación á novas tecnoloxías. O Blackbird de Pontevedra, por exemplo, ofrecelles aos seus clientes de maneira gratuíta, a posibilidade de xogar a unha inxente cantidade de títulos como Tekken 3, Super Mario Bros. ou Sunset Riders. Unha amálgama de nostalxia e calidade que outrora vivimos no formato recreativa, agora emulada en HD nun espazo moito menor que as vellas máquinas. Basta unha pequena Raspberry e un monitor. A recuperación e normalización destas máquinas nos establecementos actuais é, como mínimo, curiosa. Si, algúns bares tamén ofrecen o servizo pero pagando; hoxe quedamos coa primeira opción.