Cuphead chegará a Nintendo Switch en abril

Cuphead, o exitoso (e esixente) plataformas de acción de Studio MDHR sairá tamén para Nintendo Switch. Aterrará na plataforma híbrida o 18 de abril. Ao longo das últimas semanas rumoreouse bastante sobre este feito. Finalmente, confirmouse o asunto grazas ao propio estudo.
O anuncio realizouse hoxe durante a emisión da Nintendo Switch Nindies Showcase Spring 2019, unha retransmisión dedicada aos futuros xogos de carácter independente que irán chegando esta primavera á plataforma de Nintendo. O título terá un prezo de 19,99 euros e o seu lanzamento coincidirá coa chegada dunha actualización de balde con novo contido para o resto de versións (Xbox One, PC e Mac). Este parche incluirá secuencias e introducións inéditas, correccións diversas, algún que outro segredo e a posibilidade de manexar a Mugman no modo para un xogador.

Cuphead foi un dos xogos independentes máis vendidos do 2017.
“Estamos máis que encantados de poder levar Cuphead a unha nova audiencia en Switch. Xogar este título nunha consola cun foco tan grande na cooperación local realmente lémbranos a Jared xogando xuntos como nenos”, explicou o co-director do estudo MDHR, Chad Moldenhauer. Doutra banda, o director de programación da rede de xogos de Microsoft, Larry Hryb, adiantou algo de información no seu Twitter persoal, sinalando que o xogo contará co soporte de Xbox Live.
Convén lembrar que o xogo de MDHR foi un éxito instantáneo. A súa altísima dificultade e a súa particular animación fixo que se vendesen tres millóns de copias dende o seu lanzamento no 2017. Sobre a súa continuación, aínda non hai novidades.