Cuphead desembarca en PS4 e achega novidades sobre o seu DLC

Finalmente, un dos títulos independentes máis impresionantes dos últimos anos chegará á consola de Sony. Studio MDHR vén de anunciar que Cuphead xa está dispoñíbel en PS4 en formato dixital a través da PS Store. O anuncio realizouse dentro do marco dunha transmisión en directo con Geoff Keighley no que se achegaron máis novidades sobre a obra canadense.
A máis importante provén do esperado DLC de Cuphead. The Delicious Last Course é o nome do novo contido que aínda non conta cunha data de lanzamento e cuxo desenvolvemento se está alongando máis do que se tiña planeado, polo que haberá que ter paciencia ata a súa chegada.
Namentres agardamos por esa expansión, os usuarios de PS4 xa poden gozar da desafiante aventura de acción lateral, cuxa proposta de enfrontamentos contra espectaculares xefes finais convenceu tanto a crítica como a público após a súa chegada no 2018.