Actualidade Cyber Shadow chega hoxe ás tendas entre os aplausos da crítica

Cyber Shadow chega hoxe ás tendas entre os aplausos da crítica

Desenvolto por MekaSkull e editado por Yacht Club Games, o que se podería definir como unha proba de calidade máis que válida, Cyber Shadow estréase hoxe en PS4, PS5, Xbox, Nintendo Switch e PC.

Baixo unha estética de 8 bit apresúrase a existir toda unha homenaxe á marca Ninja Gaiden; unha desapiadada viaxe no tempo, que logra trasladar o xogador até finais dos anos 80, ese intre no que os ninjas protagonizaban desafiantes xogos de acción e plataformas en 2D.

Ao longo das últimas horas, foron aparecendo as primeiras análises e recensións do xogo, encomiando a súa proposta visual, as súas mecánicas clásicas e, como non, a herdada e alta dificultade dos antigos títulos de NES e sistemas similares.

Dispoñíbel en Xbox Game Pass, desde Yacht Club Games convidan o mundo a probar Cyber Shadow xa non só como un xogo de corte clásico, homenaxe a outra época, senón como unha obra independente e autónoma.

A súa localización pasou polas mans dos galegos Ramón Méndez e Alba Calvo, engadindo outro título máis á cada vez máis extensa lista de obras adaptadas polos seus teclados.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.