Cyberpunk 2077 e Keanu Reeves, xuntos desde hai un ano

Coido que é doado situar a Cyberpunk 2077, Keanu Reeves e o seu «you’re breathtaking!» como un deses momentos inesquecíbeis da historia do E3. Ninguén o agardaba e todo o mundo o quería. CD Projekt RED deu no cravo con esta fichaxe e segundo parece, o actor nado en Canadá terá un papel de relevancia no xogo, máis aló do puro intre promocional ou anecdótico. Reeves será Johnny Silverhand, un personaxe secundario co que compartiremos bastantes momentos da historia, en palabras dos propios polacos.
O deseñador de niveles, Miles Tost, contou que a cousa vén de atrás. A compañía recibiu ao actor que interpretou a John Wick, Neo e John Constantine como unha bendición. O estudio polaco contactou con el mais co seu representante hai cousa dun ano, presentándolles a idea e o papel que tería coma rockerboy dentro deste universo dixital. A empresa sabía que Reeves era o home máis adecuado, sobre todo tendo en conta a súa dilatada experiencia co cine de ciencia ficción.
«Todos os papeis que fixo no pasado encaixaban moi ben na visión que tiñamos do xogo e o seu personaxe», sinala o creativo. «É un tío realmente bo», continúa Tost, e engade que o actor «estaba realmente interesado en todo isto e amosouse moi apaixonado polo proxecto e o papel a desempeñar».
Reeves dará vida a Johnny Silverhand, que non é outro que un rockerboy, unha profesión dentro do mundo de Cyberpunk 2020 que podería lembrar á do bardo de Dragóns e Mazmorras, pero con guitarra eléctrica, claro. Así, neste munndo do futuro, Silverhand é un roqueiro na onda de Jack White, cunha forte personalidade.

Reeves, nunha escena da película Mnemonic, de 1995.