Cyberpunk 2077 fará pública a súa nova demo en agosto

Cyberpunk 2077 fará pública a súa nova demo en agosto

Coido que Cyberpunk 2077 está chamado a ser un deses xogos convertidos en fitos tecnolóxicos e culturais, polo que a súa presenza en medios é indiscutíbel. Estes días pasados, no E3 celebrado nos Ángeles, os xornalistas alí presentes puideron vivir en primeira persoa un novo adianto de case unha hora de duración sobre esta distopía feita videoxogo por CD Projekt RED. O ano pasado fixeron o mesmo e, de novo, repiten modus operandi. Nun par de meses, o resto do mundo poderá gozar deste gameplay.

«Vai suceder exactamente na PAX West», comenta Marcin Momot, líder da comunidade de CD Projekt RED, en Twitter. Era unha resposta a un chío publicado por un usuario que explicaba que o novo adianto vería a luz entre o 20 e o 24 de agosto. Case acerta, pero haberá que agardar un chisco máis. A nova peza audiovisual verá a luz de xeito público entre o 30 de agosto e o 2 de setembro, durante a PAX West.

Lembra que a data de lanzamento de Cyberpunk 2077 quedou fixada para o 16 de abril do 2020 para PlayStation 4, Xbox One e PC. Como curiosidade dicir que ao longo destes días coñeceuse máis información sobre o título, pequenos detalles, como saber que o coche futurista que teremos á nosa disposición acudirá a calquera punto do mapa se chamamos por el, igual que pasaba con Sardinilla, a egua de Geralt de Rivia en The Witcher 3: Wild Hunt.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados