Actualidade Cyberpunk 2077 non quere ser un Grand Theft Auto

Cyberpunk 2077 non quere ser un Grand Theft Auto

É unha cuestión razoable. Un mundo aberto, unha cidade por coñecer, armas automáticas, condución… Canto de GTA haberá en Cyberpunk 2077? É Night City unha Los Santos do futuro? O estudio polaco CD Projekt RED quere ir deixando claras certas cousas.

Hai apenas uns días, Miles Tost, deseñador principal do futuro RPG futurista, compartiu certas impresións co medio Gaming Bolt no que trata de marcar diferenzas co xogo de Rockstar. O estudio polaco entende que esta comparación apareza a medida que se coñecen novos detalles do xogo, e incluso valora positivamente o feito de ser postos ao lado dun GTA, pero nas súas palabras, “o esforzo vai dirixido a crear unha experiencia diferente baseada na narrativa”.

CD Projekt RED sempre defendeu e describiu Cyberpunk 2077 coma un RPG con elementos de acción, polo que o peso de guión, o feito de que o xogador viva na pel do protagonista deste título, será fundamental. “A idea é proporcionar moitas actividades secundarias para que os xogadores participen á marxe da misión principal”, sinala Tost. Nese sentido, bastaría lembrar a última entrega de Geralt de Rivia, onde algunhas misións secundarias acadaban un nivel de evolución e detalle nunca visto nun videoxogo. Parece que a premisa é levar aínda máis aló esta idea.

Os polacos defenden unha narrativa case cinematográfica, e xa no pasado advertiron ao seu público que Cyberpunk 2077 será unha experiencia nunca vista dentro dunha consola. Tendo en conta o poderío que manexa na actualidade CD Projekt RED e a confianza da que goza dos xogadores, sería moi estraño que todo quedara nunha esaxeración.

Sen máis novidades, e sen data de saída aínda, Bandai Namco anunciou esta semana que será a empresa encargada de distribuír o xogo en Europa, mentres que Warner Bros Interactive fará o propio en Norte América.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.