Cyberpunk 2077 presume de moto co deseño da Yaiba Kusanagi

Aos poucos, Cyberpunk 2077 ofrece detalles do seu universo coa publicación de novas imaxes e respostas aos usuarios que detallan as posibilidades do xogo. Nestes últimos días, a protagonista da actualidade sobre a nova obra dos creadores de The Witcher 3: Wild Hunt foi un vehículo de dúas rodas, a moto Yaiba Kusanagi, que loce impoñente.
Catching a break with Yaiba Kusanagi… ?️#Cyberpunk2077 pic.twitter.com/Trn3OEhncc
— Cyberpunk 2077 (@CyberpunkGame) July 19, 2019
Por suposto, tanto o deseño como o nome da motocicleta semellan ser unha chiscadela á cultura pop xaponesa e a obras de enorme relevancia dentro do xénero cyberpunk, como son Akira ou Ghost in the Shell. CD Projekt RED sabe ben de que mananciais bebe, e non os oculta nas súas creacións.
Un clima que muda e un libro para sabelo todo
Malia que era evidente, os responsables do xogo confirmaron que Cyberpunk 2077 contará cun clima dinámico e os cambios no ceo e a atmosfera da cidade serán constantes. A contaminación de seu dunha urbe deste tipo estará moi presente nas súas rúas e canellas.
Doutra banda, o estudio polaco tamén desvelou que a aventura poderá ser vivida en diversos modos de dificultade, incluíndo un modo hardcore recomendado só para aqueles que procuren unha experiencia realmente desafiante e bestial.
Quedas con gana de máis novidades? Hai uns días CD Projekt RED e Dark Horse Books anunciaban a chegada de The World of Cyberpunk 2077 —O Mundo de Cyberpunk 2077—, un libro enciclopédico onde poderemos ler información a esgalla sobre os detalles da súa historia, os seus habitantes, as bandas, as corporacións e as liñas xerais de toda a obra.
O 21 de abril de 2020, cinco días despois do lanzamento do videoxogo, o libro sairá á venda en librerías e outras tendas especializadas polo prezo de 39,99 euros en tapa dura, e de 19,99 euros en versión libro electrónico.