Actualidade Cyberpunk 2077 publica o seu segundo gameplay

Cyberpunk 2077 publica o seu segundo gameplay

Sendo fieis á súa palabra, os responsabeis de CD Projekt RED veñen de publicar o segundo gameplay de Cyberpunk 2077, un ano despois de facer público o primeiro. Trátase dun adianto de quinte minutos, que funciona a modo de resumo da demostración que os medios acreditados puideron coñecer no E3 e a Gamescom deste ano.

O novo vídeo permite coñecer diversos aspectos do xogo e ensínanos un pouco máis do mundo distópico creado por Mike Pondsmith para o xogo de mesa orixinal. O suburbio de Pacífica amósase como unha zona perigosa, mesmo para os habitantes de Night City. Tamén coñecemos aos Fillos do Vudú, os seus rivais os Animais, e á axencia NetWatch.

O xogo, que sempre foi presentado como un RPG complexo, tamén presume das posibilidades de facer un tipo de personaxe baseado na acción directa e outro máis refinado, que prefire o sixilo e o pirateo. As dúas opcións serán válidas e, por que non, divertidas.

Cyberpunk 2077 chegará ás tendas o próximo día 16 de abril de 2020, con versións para PlayStation 4, Xbox One e PC. Tamén a Stadia, aínda que para a plataforma de Google tardará un pouco máis.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.