Actualidade Cyberpunk 2077 vendeu máis de 13 millóns de copias, descontadas as devolucións

Cyberpunk 2077 vendeu máis de 13 millóns de copias, descontadas as devolucións

Malia que foi un das estreas máis desastrosas da industria no referente á calidade e aspecto do produto entregado, Cyberpunk 2077 pode presumir de cifras. CD Projekt RED revelou que despacharon un total de 13 millóns de copias, tendo en conta, ademais, as devolucións realizadas.

O número fíxose público a través dun comunicado aos investidores, que publicou a compañía polaca esta mañá,  no que se buscaba tranquilizar os ánimos dos mesmos. A cifra de vendas tiña como última referencia o 20 de decembro.

Segundo o comunicado, os 13 millóns de copias foron obtidas logo de sumaren todas as plataformas, físicas e dixitais, pero tamén de restar as devolucións a través de plataformas dixitais e as solicitudes de devolución que foron realizadas a través da plataforma habilitada por CD Projekt para tal fin.

A campaña de devolucións internas de Cyberpunk 2077 por parte de CD Projekt finalizou onte, aínda que tanto Sony como Microsoft aínda aceptan solicitudes.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.