Cyberpunk 2077 xa promete varios DLCs para o próximo ano

Faltan só unhas horas para que o mundo enteiro coñeza Cyberpunk 2077 e o seu Night City, pero as análises de diversos medios xa viron a luz. CD Projekt RED aproveitou estes últimos intres para publicar o tráiler de lanzamento do título, un avance cinematográfico que presenta a violencia que habita a cidade na que vive V, protagonista do xogo, e os moitos personaxes secundarios que pululan polas súas rúas.
«Prefires vivir en paz e ser un ninguén ou lanzarte ao baleiro por un pedazo de gloria?», reza unha das mensaxes que lanza o tráiler. Sexa como for, neste mesmo vídeo o estudio polaco quixo coar unha mensaxe oculta, un ovo de pascua en forma de comunicado, no que adianta algúns dos plans a curto e medio prazo para o título.
«Os nosos plans de expansión levarante ao máis fondo do mundo de Cyberpunk 2077 ofrecendo contido substancial relacionado coa historia, o que dará a posibilidade de afrontar decisións complexas que terán un impacto profundo nunha narrativa que non poderás esquecer», escriben os seus responsábeis, «pero antes de chegar alí, iniciaremos os nosos programa de DLCs gratuítos a principios do 2021. Tal e como sucedía con The Witcher 3, podedes esperar a chegada a Night City dunha variedade de contido cunha chea de cousas interesantes que encherá aínda máis de vida este futuro escuro».
Ataques de epilepsia e resposta do estudio
Doutra banda, o medio internacional Game Informer publicou un artgo esta semana no que que explicaba que atoparan efectos visuais cun alto risco de causar ataques epilépticos durante as partidas a Cyberpunk 2077. Unha das redactoras do medio, que sofre epilepsia, definiu os bares e discotecas do xogo como «zonas de perigo», xunto cun efecto ao redor de Johnny Silverhand —uno dos personaxes principais da historia— que podería supoñer un risco para persoas con esta patoloxía.
A ONG inglesa Epilepsy Action analizou as escenas sinaladas pola xornalista e chegou á conclusión de que as persoas con fotosensibilidade non deben expoñerse a varias das animacións do xogo. Nun comunicado, a asociación tamén lamenta que a compañía ignorara todas as recomendacións de accesibilidade en relación á epilepsia e o desenvolvemento de videoxogos: «A gran demanda e emoción ao redor deste lanzamento pode poñer en serio risco a xente fotosensible. Os desenvolvedores deberían avaliar formas de facer este xogo seguro. Unha advertencia ao comezo non é suficiente», aclaran.
Horas despois do lanzamento do artigo e o comunicado, o estudio fixo uso das súas redes oficiais, citando o material en cuestión, para indicar que están xa a traballar nunha solución definitiva a este problema nas escenas sinaladas. Polomomento, engadirán un aviso adicional ao comezo do xogo para evitar que os xogadores sensibles eviten os momentos máis críticos.
Thank you for bringing this up. We’re working on adding a separate warning in the game, aside from the one that exists in the EULA (https://t.co/eXpPn73VSK). Regarding a more permanent solution, Dev team is currently exploring that and will be implementing it as soon as possible. https://t.co/lXFypnSit2
— Cyberpunk 2077 (@CyberpunkGame) December 8, 2020