Dan Houser, pai da franquía GTA, deixa Rockstar Games
Fin do camiño. Dan Houser, co-fundador e vicepresidente de Rockstar Games, vén de tomar a decisión de abandonar a compañía o próximo 11 de marzo. Foi Take-Two Interactive a encargada de dar a nova a través dun comunicado oficial no que aseguran estar «estar extremadamente agradecidos polas súas contribucións». Non é para menos, xa que Dan Houser trátase dunha das mentes pensantes detrás dos maiores éxitos comerciais da industria dos videoxogos.
Xunto co seu irmán Sam, Dan Houser fundou Rockstar Games no ano 1998 e ambos foron responsábeis dos aspectos creativos da famosa saga Grand Theft Auto, a cal bate marcas de vendas con cada nova entrega. O seu labor estendíase por todo o proceso creativo, sendo escritor e produtor de moitos títulos, polo que Canis Canem Edit, a saga Red Dead Redemption ou Max Payne 3 forman parte do seu brillante currículo.
Está previsto que mañá Take-Two amose os resultados financeiros correspondentes ao terceiro trimestre do ano fiscal, polo que é probábel que se reflictan as consecuencias desta decisión. En calquera caso, o único seguro é que as próximas entregas de GTA, Red Dead Redemption ou calquera obra que cre o estudio norteamericano xa non contará coa sinatura de Dan Houser.