Análises Dark Souls para Nintendo Switch. Mil maneiras de morrer en Lordran

Dark Souls para Nintendo Switch. Mil maneiras de morrer en Lordran

E por fin, despois dunha longa espera, chega Dark Souls Remastered para Nintendo Switch. Un podería pensar que resulta frustrante ter que esperar máis da conta polo lanzamento dun xogo que se atrasou incomprensiblemente durante meses, pero a verdadeira frustración comeza cando metes o cartucho na consola e inicias partida.

Dark Souls non fai concesións. Ou aprendes dos teus erros ou prepáraste para formar parte da escuridade e decadencia de Lordran.

Xa van sete anos do lanzamento orixinal de Dark Souls e o seu impacto na industria é unha cousa innegable. Máis aló das constantes e pouco fundadas comparacións que se poden escoitar e ler en redes sociais entre este e calquera novo videoxogo de fantasía en terceira persoa. O certo é que no seu momento chegou sen ningún tipo de balbordo fóra de Xapón e converteuse por mérito propio nun título (e saga) de culto, sendo emulado por unha gran parte da industria.

Quizais a súa principal virtude foi reivindicar unha dificultade alta que tan pouco se deixa ver hoxe en día, convertendo a experiencia de xogalo nun verdadeiro reto, máis que pura diversión. Non é un xogo inxusto, pero si esixente. Non te leva da man, nin che ensina a sobrevivir, pero dáche as ferramentas precisas para que aprendas por ti mesmo. Porque en Dark Souls un non loita para vencer ao inimigo, loita para non perder contra un mesmo. Por iso, as constantes mortes non son un castigo, mais ben un incentivo. Volver onde fracasaches para recuperar as almas que lograches apañar con tanto esforzo é un reto que logra curtir a paciencia do xogador e a súa disciplina aos mandos.

A versión de Nintendo Switch deste título é excelente. Non porque teña a mellor resolución, nin o mellor rendemento técnico. Non destaca a súa iluminación, nin o remodelado das súas texturas. A principal virtude desta versión é que, se por si mesmo xa é un xogo complicado, as limitacións ao xogalo cos controis Joy-con no modo portátil dálle un punto maior de dificultade. Pode non ser algo pensado, pero é ben sabido que o tamaño minúsculo dos Joy-con fai que estes controis non sexan os idóneos para xogos esixentes pero, como fan verdadeiro e experimentado da saga, non podo evitar gozar cun desvantaxe tan evidente, programada ou non, que faga aínda máis desafiante o título.

Como xa adiantei, esta nova versión non destaca en absoluto no apartado técnico pero é un xogo que cumpre á perfección. Fluidez constante, resolución HD, e basicamente todo o necesario actualmente para estar pendente unicamente do xogo e non de posibles fallos que destrúan a experiencia. Un dos seus principais problemas á hora de xogar é o extremadamente escura que é a iluminación desta versión en modo sobremesa, deslucindo un pouco o conxunto.

Seguindo co rendemento técnico hei de dicir que sinto algo de morriña ao non ver a Cidade asolada a “-5 FPS” coma no xogo orixinal, algo que se converteu en meme da comunidade. Como era de esperar, isto corrixiuse.

 

Por suposto a portabilidade de Switch fai aínda máis gozaba este título onde e cando queiras, por se non fose suficiente perder os papeis no sofá de casa ante a undécima morte contra o Demo de Aries.

En definitiva, hai moi poucos motivos para deixar pasar a oportunidade de xogar Dark Souls de novo ou entrar na saga coa escusa do seu primeiro lanzamento nunha plataforma de Nintendo. Estamos ante un título que calquera xogador debe probar nalgún momento e desde aquí unha recomendación imprescindíbel: Xogade, morrede, aprendede. Pero sobre todo, Praise the sun!

8

O mellor

  • Incrible banda sonora e estilo artístico que somerxen ao usuario de cheo en Lordran
  • Título desafiante e que convida a superarse como xogador
  • A súa narrativa desenvólvese a través da contorna, sendo o xogador o que decide se se interesa por ela ou non durante o seu periplo

O peor

  • Poucos ou nulos cambios respecto ao orixinal
  • A xogabilidade está algo obsoleta sendo superada por xogos máis recentes da propia franquía
  • Chega bastante tarde respecto ás demais versións remasterizadas
Ismael Vidal
Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *