Dark Souls revela que xa vendeu máis de 27 millóns de copias
Vinte e sete millóns de copias despois, Dark Souls é desde hai ben tempo un nome con aroma de seu dentro do mundo da industria do videoxogo. A triloxía creada por Hidetaka Miyazaki revolucionou o xeito de entender os títulos de acción dentro do medio; a súa influencia é tan palpábel e evidente, que a listaxe de títulos que foron herdando algunha mecánica proposta dentro da mente do xaponés é interminábel.
From Software quixo celebrar de maneira pública o éxito da saga onde morrer é parte inevitábel —ou case— dun proceso de aprendizaxe e teima con chegar até o final. A compañía confirmou que Dark Souls III vén de superar os dez millóns de copias vendidas, facendo un total de 27 millóns ao xuntaren todas as entregas, que son: Dark Souls e Dark Souls: Remastered, Dark Souls II, Dark Souls II: Scholar of the First Sin e Dark Souls III.
A franquía descansa agora na cabeza de Miyazaki, que publicou Sekiro: Shadow Die Twice o ano pasado, para agora traballar en Elden Ring, un novo RPG de acción no que tamén se atopa George R. R. Martin, autor da saga literaria Canción de Xeo e Lume, sobre o que aínda hai máis misterios que certezas.





