Darkest Dungeon 2 amosa as súas primeiras imaxes
Cun breve adianto audiovisual, Red Hook quixo confirmar ao seu público que Darkest Dungeon 2 xa é un proxecto con forma e intencións.
Do vídeo pode deducirse que a nova aventura contará cunha ambientación xeada, así como o regreso das seis clases orixinais (Highwayman, Hellion, Grave Robber, Leper, Man-at-Arms e Plague Doctor).
Foi o medio anglosaxón PC Gamer o que deu a noticia en exclusiva, así como o primeiro en achegar os detalles desta nova entrega. Nas declaracións ofrecidas, indícase que o xogo terá a súa propia “identidade temática”, polo que diversos aspectos do título orixinal serán modificados para simular unha viaxe constante. Manterase o sistema de combate, si, pero introduciranse novas mecánicas.
Rede Hook non descarta volver realizar un lanzamento en early access, tal e como fixo co primeiro Darkest Dungeon. Iso si, a súa narrativa transcorrerá, probablemente, despois dos feitos contados no DLC The Colour of Madness. Sen data oficial para a súa saída, toca esperar por futuros detalles.