Actualidade Dauntless atrasa o seu lanzamento e fíxao para verán

Dauntless atrasa o seu lanzamento e fíxao para verán

Phoenix Labs precisa e pide máis tempo para traballar con Dauntless, futuro título de balde con fortes inspiracións na franquía Monster Hunter. Aínda que a súa chegada oficial estaba prevista para o mes de abril, finalmente a súa estrea realizarase ao longo do verán.

Dauntless é un RPG de acción multixogador free to play no que manexamos a un Slayer, personaxes que sobreviven nun territorio tan inhóspito como son as Illas Fragmentadas. O obxectivo non é outro que dar caza ás enormes criaturas que habitan estas terras, chamadas habitualmente Behemoths. Igual que nos xogos de Bandai Namco, todos os obxectos que consigamos durante as misións poderemos usalos para mellorar o equipo que temos e así cazar bestas máis duras.

En Dauntless podemos cazar enormes criaturas coñecidas como Behemoths, sós ou en compañía.

O xogo sairá para PlayStation 4, Xbox One e PC (como exclusivo da Epic Games Store). No caso de Nintendo Switch sábese que tamén contará coa súa propia versión, pero carece de data como tal. A día de hoxe, en computador, pódese gozar dun adianto xogable se se descarga na web oficial.

O estudo recoñece que aínda debe puír algúns detalles antes de dar o seguinte paso: lanzalo ao mercado. A idea é engadir melloras ao gameplay e probar os diferentes aspectos que se inclúan estas semanas para non desbalancear a experiencia.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
    • Pastel de Carne
    • En: 14 de Marzo de 2019

    Xoguei á beta un par de horas fai un tempo, e non estaba nada mal, ainda que había bastantes bugs.
    No mundo F2P está ben que retrasen o lanzamento se non está moi convencidos, non sería o primeiro nin o último que sae moi mal optimizado e non ten unha segunda oportunidade.

      • Carlos Pereiro
      • En: 14 de Marzo de 2019

      A miña experiencia é similar á túa.
      Vinlle potencial, e sempre prefiro neste tipo de xogos un atraso a un “nunca máis” vou xogar se sae así.