Actualidade Daymare: 1998, de homenaxe a Resident Evil a obra orixinal

Daymare: 1998, de homenaxe a Resident Evil a obra orixinal

Survival horror da vella escola. É a mellor definición para explicar que é Daymare: 1998, unha aventura de terror en terceira persoa que partiu como unha revisión feita por afeccionados de Resident Evil 2, pero que rematou por ser un título propio.

Invader Studios son os responsábeis dun proxecto que foi crecendo aos poucos. Dispoñíbel xa para os xogadores de PC, a narración da historia vira ao redor dun centro de investigación segredo, onde unha arma química desatou o pesadelo que todos imaxinamos algunha vez: os mortos invadiron o lugar.

Ora ben, o noso protagonista, un soldado de elite, está armado e sabe lidar coa situación, polo que a acción está asegurada. Ben é certo que os quebracabezas típicos da saga na que se inspira e toma referencias tamén estarán presentes, ofrecendo unha xogabilidade clásica, pero sen deixar de lado o aspecto gráfico actual.

Os xogadores de Xbox One e PlayStation 4 deberán agardar un tempo para que chegue cadansúas versións, das que non existe data programada aínda.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.