Days Gone atrásase até finais do mes de abril

Como diría meu pai: o medo é libre. Sony anunciou hoxe que Days Gone sufrirá dun atraso de aproximadamente dous meses. Cambia a data de saída do 22 de febreiro polo 26 de abril. Por que? Hai dúas respostas bastante claras.
A primeira é a posibilidade de ofrecer a Bend Studio a oportunidade de pulir aínda máis o xogo de supervivencia grazas á ampliación do calendario. A segunda, moito máis importante e recoñecida pola propia Sony, é non querer lanzar unha IP nova nuns meses tan cheo de lanzamentos importantes como van ser febreiro e marzo. Anthem, Metro Exodus e Kingdom Hearts III chegarán por esas datas, e todos son rivais altamente perigosos a nivel de vendas. Por non falar do Resident Evil 2 Remake, co que ata comparte temática zombi.
Days Gone será exclusivo de PlayStation 4 e presenta un mundo asolado por unha praga que converte aos humanos en infectados sedentos de sangue e famentos de carne. Na pel de Deacon St. John, un hábil supervivente e motorista, o xogador tratará de percorrer esta aventura chea de perigos.
Presentado hai xa tempo en sociedade, parece que Sony quere poñerlle as cousas máis doadas ao xogo de Bend Studio, e non obrigalo a competir con outros pesos pesados da industria. De primeiras, parece unha idea moi sensata.