Dead by Daylight eliminará todo o contido de Stranger Things en novembro

A unión entre Stranger Things e Dead by Daylight semella que chega ao seu fin. Dous anos despois de que o Demogorgon pasara a formar parte dos asasinos do título multixogador, todo o contido relacionado coa serie de Netflix desaparecerá do xogo e non poderá volver ser mercado –nin xogado—.
Aínda que os reponsábeis de Dead by Deadlight non o confirmaron, semella que esta eliminación tería algo que ver cun asunto de dereitos de autor e de explotación da licenza, algo que soa bastante lóxico. A expansión de Stranger Things, ademais do asasino, tamén engadía os personaxes Steve Harrington e Nancy Wheeler, amais dun mapa exclusivo.
A data límite sitúase no próximo 17 de novembro. Sexa como for, cando alguén pecha unha porta, outro abre unha xanela. Behaviour xa publicou un pequeno teaser co número 1987, o que podería dar pistas sobre cal será o seguinte contido en chegar ao xogo. Os rumores falan do universo Hellraiser e o seu carismático cenobita Pinhead, que encaixaría á perfección no título.