Dead by Daylight implementa o xogo cruzado entre todas as súas plataformas
Demorouse no tempo, pero finalmente chegou. Dead by Daylight incluíu o xogo cruzado entre consolas e PC grazas á nova actualización implementada por Behaviour Interactive. Desta forma os usuarios xa poden compartir partidas entre os sistemas de PS4, Xbox One, Nintendo Switch, Steam e Microsoft Store.
Tamén se engadiu unha lista de amigos única entre xogadores de PC e consolas, malia que non existe un chat en consolas co que comunicarse durante o xogo. Por último, pódese desactivar a opción do xogo cruzado para enfrontarnos unicamente con usuarios da mesma plataforma, o que conlevará tempos de espera máis longos para atopar partida.
Este parche forma parte dos pasos que está a levar a cabo a desenvolvedora para unificar todas as versións do título. A partir de setembro implementarase a progresión común entre Stadia, Nintendo Switch e Steam; descoñécese se esta función chegará a Xbox One e PS4.