Dead Cells recibirá un DLC “enorme” esta primavera
Durante 9 meses estivo traballando Motion Twin, estudo responsable de Dead Cells, nun novo contido descargable gratuíto. Será nalgún momento da primavera de 2019 o intre de poder gozar do que, segundo palabras do propio estudo, será un DLC “enorme”.
Grazas a un documental publicado pola canle de Youtube, Red Bull Gaming, puidemos coñecer que esta expansión chamarase Rise of the Giant. Será de balde e aseguran que os xogadores van quedar ensimesmados coa nova proposta. “Imos lanzar un DLC que será enorme. Estivemos traballando nel durante nove meses”, comenta unha das súas creadoras. “Vai ser totalmente gratis; os xogadores van tolear”.
No devandito documental, deuse a coñecer unha das novas áreas e o seu correspondente xefe. Este novo nivel, chamado Cavern Level, desbloquearase despois de acabar por primeira vez o xogo. Entre as notas desta actualización gratuíta infórmase da inclusión de ata 10 inimigos diferentes, algúns só aparecerán na caverna e outros só nas dificultades máis elevadas (Hard, Very Hard, Expert e Nightmare); un total de 3 novas habilidades; 50 novos traxes e 10 novas armas.
Dead Cells actualizarase co contido Rise of the Giant nas versións de PC, Xbox One, PlayStation 4 e Nintendo Switch. Os asistentes á PAX East que se celebrará a finais de marzo terán a oportunidade de probar este novo contido.